Jealsa alimenta a creatividade dos científicos do futuro

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / A VOZRIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

cedida

A segunda edición da súa festa infantil incluíu talleres de deseño e impresión en 3D e de biotecnoloxía

04 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A creatividade dos mozos necesita estímulos que chegan desde as aulas e tamén desde fóra, mediante a participación dos rapaces en diversos tipos de actividades. Alimentar o interese polo coñecemento foi un dos obxectivos da segunda edición da Festa #peixes, que celebrou a empresa Jealsa para os fillos de empregados da firma no ámbito barbancés.

Como novidade, esta cita que dá a benvida ao outono e ao reencontro coa actividade lectiva, incluíu talleres de deseño e impresión en 3D e de biotecnoloxía, dirixidos aos participantes de maior idade, de entre 8 e 12 anos.

Un microscopio

No primeiro caso, os estudantes tiveron a oportunidade de realizar deseños en tres dimensiones e pór a proba o seu enxeño. No outro obradoiro, cada un dos participantes fabricou o seu propio microscopio, co que observaron os distintos microorganismos existentes. Agora poderán seguir realizando este traballo de análise nas súas casas ou na súa contorna máis próxima, dado que dispoñen dun aparello adecuado que ten o incentivo de ter sido elaborado coas súas propias mans.

Cunha aprendizaxe innovadora, a empresa Jealsa potenciou a creatividade dos rapaces en campos como a ciencia, a tecnoloxía e o deseño. A actividade tivo lugar na casa de cultura do recinto da Cachada. Estes alumnos de hoxe serán os investigadores do mañá, moi necesarios para que firmas como Jealsa poidan continuar abandeirando, de forma paralela á súa actividade produtiva, a investigación e o desenvolvemento.

Pola súa banda, os asistentes de menor idade tiveron no pavillón de Barraña o centro de operacións desta particular festa. Música, talleres infantís e inchables foron os ingredientes empregados pola compaña conserveira de Boiro para garantir a diversión dos nenos, que puideron gozar durante a mañá dun ambiente festivo.

Bailes, saltos e outro tipo de entretementos formaron parte desta actividade, na que os rapaces tamén contaron co apoio de profesionais para a realización dos seus experimentos, nos que se aplicaron ao máximo para obter toda a información posible.

Todos eles recibiron uns chalecos amarelos que permitían identificalos en todo momento e en cuxa parte posterior estaba escrito o hashtag #peixes, que é o nome que recibe esta cita.