O Concello de Boiro investiga as verteduras que chegaron á praia de Subquintáns

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

cedida

O mércores, nada máis ser avisado da chegada de residuos á beira, os técnicos municipais achegáronse ata o lugar para realizar comprobacións

21 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero , mostrou a súa preocupación polas verteduras que se producen con regularidade na praia de Subquintáns, na parroquia de Abanqueiro, e que tamén afectan á zona coñecida como punta Capitán. O mandatario indicou que o departamento de Medio Ambiente abriu un expediente coa finalidade de coñecer a procedencia, xa que, segundo o rexedor local, «prodúcense con bastante frecuencia».

José Ramón Romero xa era coñecedor desta situación na zona, pois, a pesar de que leva pouco tempo a cargo de a alcaldía, «no Concello xa tivemos coñecemento de máis vertidos».

O mércores, nada máis ser avisado da chegada de residuos á beira, os técnicos municipais achegáronse ata o lugar para realizar comprobacións. Neste sentido, o mandatario destacou que foi informado de que a zona estaba impregnada dunha graxa de cor branca, pero que non parecía que fosen restos de augas residuais, «os técnicos dixeron que daba a impresión que puidesen ser industriais, pero non se pode confirmar nada».

Un perigo

As autoridades boirenses consideran que esta situación pode ser un perigo tanto para a flora como para a fauna das inmediacións, pois este episodio se dá «con bastante frecuencia», segundo o rexedor. Ademais, o areal é moi frecuentado durante o verán polos veciños e, en especial, polos máis novos.

José Ramón Romero sinalou que solicitarán informes a Augas de Galicia e á Consellería do Mar para coñecer con exactitude que está a ocorrer, co fin de evitar que estes episodios se volvan a repetir.

Tanto na praia como en punta Capitán hai senllos viveiros de bivalvo que dan traballo a ao redor de vinte persoas e que, segundo os seus portavoces, teñen moitos problemas para manter o marisco en condicións. Mesmo xa só crían ameixa, pois o berberecho non resiste.

Os propietarios dos devanditos negocios presentaron esta semana unha denuncia na Garda Civil coa finalidade de que se investigue a procedencia dos residuos.