Boiro empápase de contos e teatro

M. X. B. RIBEIRA

BOIRO

cedida

Redrum, Butacazero e Os Quinquilláns, entre as vinte compañas que recalarán na localidade

19 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Intenso preséntase o outono en Boiro, polo menos, no que ao ámbito cultural refírese. E é que de aquí a finais de novembro hai programado un ciclo de representacións teatrais e sesións de contos no que figuran máis de vinte citas.

Boa parte delas están incluídas no programa Ler conta moito, que xa se está desenvolvendo e propiciou o desembarco, onte, de Pedro Brandariz. Este ciclo, que busca fomentar a lectura entre os máis pequenos, pero tamén ten a promoción da igualdade como eixo, continuará coas visitas á biblioteca da Cachada de Anxo Fariña (mañá, 19.30 horas), Brais dás Hortas (sábado, 12.00), Baobab Teatro (día 27, 20.00) e Raquel Queizás (día 28, 12.00).

Pero o outono tamén será en Boiro sinónimo de teatro e do bo. A compaña Dinamo Producións, formada por Pedro Brandariz e Lucía Veiga, abrirá o 4 de outubro un ciclo coa obra Technologies. A partir de entón, haberá unha sesión cada venres, ás 21.00 horas. Polas táboas da casa de cultura pasarán Redrum para representar Invisibles, cun elenco do que forma parte Mela Casal; De Ste Xeito, que brindará o monólogo Eu quero ser galega a cargo de Stephy Llaryora; e Butacazero cos seus Camiños, obra na que participa Esther Carrodeguas.

Para completar a mostra regresará a Boiro Pedro Brandariz, acompañado de Isabel Risco e Fran Rei. Os tres porán en escena Papar sen cancelas. E porá o peche Avelino González, cos seus Contos de contrabando.

Mostra escolar

A maiores, entre o 9 de outubro e o 15 de novembro terá lugar unha nova edición da Mostra de Teatro Escolar de Boiro, á que se sumarán as compañas Elefante Elegante, Tanxarina, Baobab, Pérez & Fernández, Gazafelhos, Os Quinquilláns e Butacazero, que tamén ofrecerá un pase de Camiños para o público infantil.

O centro social de Escarabote terá unha programación propia. Hoxe mesmo, ás 19.00 horas, recibirá a visita de Antón e Tomasa, que ofrecerán unha sesión de contos infantís titulada A cabaza encantada. Posteriormente, achegaranse á localidade Marisa Irima, Pedro Brandariz e Elefante Elegante. Todos chegarán con relatos que terán aos nenos como principais destinatarios.