Cidadáns propón reformular o sistema de traballo da Policía Local de Boiro

Ribeira LA VOZ

BOIRO

DANI GESTOSO

Buscará un método que profunde na colaboración e a convivencia

24 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Ante o «exceso de celo» que caracteriza a algúns axentes da Policía Local á hora de realizar o seu labor e que provoca que Boiro «recade máis en multas de tráfico que o resto dos municipios de Barbanza xuntos», ademais de descontento e mesmo a desaprobación «de parte do persoal», Cidadáns propón reformular o modelo de funcionamento do corpo coa creación dunha xefatura que, en coordinación co goberno local, defina un método de traballo que, sen obviar as normas, profunde na colaboración e a convivencia.

Sinalan fontes da formación laranxa que o modelo de traballo polo que se rexe unha parte do persoal da Policía Local exerce unha presión sobre os condutores que é coñecida fóra da comarca e que provoca «un impacto negativo» en posibles visitantes, de maneira que frea o dinamismo turístico e comercial da localidade. É por iso que Cidadáns expón unha nova metodoloxía de funcionamento: «Somos plenamente conscientes de que o cidadán ten unha preocupación real por este tema. Imos buscarlle solución. Ciudadanos Boiro non se vai poñer de perfil ante os problemas da xente», asegurou o candidato, Carlos Rodríguez.