Pleno de ouros do Jealsa Boiro

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro SEVILLA RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

MARCOS CREO

Os campionatos de cadetes, infantís e xuvenís colocan á canteira como unha das mellores de Galicia

15 may 2019 . Actualizado ás 21:41 h.

Poucos poderían sequera soñar fai unha década con que Boiro se convertería nun dos epicentros do voleibol galego. Con paso lento, pero firme, tras miles de horas de traballo, na Cachada rematou de xerminar unha canteira de primeiro nivel, a Jealsa Boiro, que xa colocou a súa marca no mapa español. Os tres títulos autonómicos logrados polos conxuntos xuvenil, cadete e infantil evidencian o talento de tres xeracións que marcan o camiño a seguir.

«É algo histórico que afianza o traballo dos últimos sete anos. Isto permítenos seguir con máis ganas. Os éxitos sempre serven para que a xente poida resetear». O que fala é Adrián Alves, técnico das tres persoais que morderon o ouro. Recoñece que os títulos transcenderon fronteiras: «Saben que aquí fanse ben as cousas e iso agranda un pouco máis a entidade».

O próximo chanzo pasa agora por comezar a abrirse oco entre os mellores de España. Os xuvenís, que finalizaron sextos na última cita nacional, xa comezaron a explorar ese camiño, aínda que aínda quedan por facelo infantís e cadetes.

En Cartaxena

O infantil debuta hoxe en Cartaxena e Alves debulla as súas posibilidades de éxito: «Temos un bo equipo, que xa disputou outros campionatos de España. O traballo está feito e estaremos preto dos mellores, estou seguro. Despois, a competición depende de momentos, de como recuperes os partidos, dos sorteos...». Con todo, o que a priori parte con máis posibilidades de acadar a gloria é o cadete.

«É un conxunto moi serio, cun hábito de traballo fóra do normal. Hai madeira, pero os rivais tamén son moi bos. A verdade é que afrontaremos esa cita ben armados, contamos co colocador  da selección española e os rapaces responden moi ben baixo presión, son disciplinados. Vou con moitas esperanzas», afirma un adestrador que se desfai en halagos cara aos seus pupilos.

Sete anos máis tarde, os que chegaron a Boiro sendo uns nenos comezan a converter ao seu club nun dos máis laureados de Galicia. A única mácula pasa pola sección feminina, aínda que Alves explica o motivo: «Son diferentes xeracións. Para o ano que vén, teremos un equipazo en cadetes. O traballo é o mesmo, o modelo é bo. Esas rapazas xa acadaron prata galega e creo que darán moito que falar». Quen sabe se lles tocará a elas seguir cubrindo ao Jealsa de ouro?.