«Estou a prepararme para poder acceder ao mundo laboral»

Jose Manuel Jamardo Castro
j. m. jamardo RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

Carmen Piñeiro, da asociación Amicos, relatou a súa experiencia formativa para atopar un posto de traballo

22 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Foi a protagonista sen querelo. Carmen Piñeiro Vila falou onte no Centro de Atención Integral Amicos de Boiro no acto que o colectivo organizou con motivo do Día Internacional da Síndrome de Down. A entidade fixo especial fincapé nesta xornada na procura de emprego para os seus asociados co obxectivo de visualizar todo o esforzo e dedicación que poñen da súa parte para conseguir unha integración plena na sociedade. Carmen Piñeiro foi o seu principal referente. A moza relatou a súa experiencia para prepararse e afrontar no futuro a posibilidade de acceder a un posto de traballo.

Carmen Piñeiro reside no centro ocupacional por cuestións familiares e, segundo a psicóloga de Amicos, Pilar Sampedro, é unha persoa con moita ilusión por traballar. Encántalle a cociña e é unha namorada da orde. «É moi ordenada e sinxela, gústalle a música e saír de paseo».

Novos cursos

A moza fixo o ano pasado un curso de auxiliar administrativo e as prácticas realizounas no mesmo centro, na área de administración. Carmen Piñeiro relatou na súa curta alocución que «estou a prepararme para poder acceder ao mundo laboral». Na actualidade está pendente de facer novos cursos e prácticas pois, segundo Pilar Sampedro, é unha persoa inqueda e que quere atopar un futuro laboral canto antes.

A celebración do Día Internacional da Síndrome de Down contou coa presenza na sede do colectivo da edila de Servizos Sociais de Boiro, Beatriz Deus, e tamén de Susan Santos, directora territorial da Caixa, entidade que patrocina varios cursos ocupacionais nas instalacións de Comoxo. A representante da entidade bancaria destacou que esta é unha aposta da empresa que representa para facilitar o acceso a un emprego a este colectivo.

O director do centro, Xoán España, resaltou a importancia deste tipo de xornadas para sinalar que «é un día de reivindicacións e oportunidades. É moi importante resaltar que a inclusión no mundo laboral ten que ser para todos». Unha das prioridades de Amicos é, segundo España, fomentar a ilusión dos usuarios para que poidan atopar un traballo. Tamén agradeceu a axuda da Caixa e do Concello de Boiro por todo «o que están a facer por nós».

Xoán España lembrou que o ano pasado uns 200 barbanceses con diversidade funcional atoparon traballo, dos cales medio centenar eran de Amicos. Durante o 2018, a asociación realizou trinta cursos de formación laboral. Neste ano xa levan catro. Polos seus talleres pasaron preto de 350 alumnos.

A inserción laboral é unha das premisas dos responsables da asociación e que aos poucos o están conseguindo a base de moito esforzo.