Diego Vázquez formará parte do Campionato de España de Media Velocidade

Álvaro Sevilla Gómez
alvaro sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

MARCOS CREO

O piloto contou coa axuda económica de entidades públicas e privadas

15 feb 2019 . Actualizado ás 15:41 h.

Diego Vázquez si poderá relacionarse esta tempada cos mellores pilotos do país. O campión da Copa Galega ANPA na categoría de KX65, dá agora o salto ao Campionato de España de Media Velocidade grazas a unha bolsa da marca MIR e a Asociación Nacional de Pilotos Afeccionados (ANPA).

O gran escollo a superar foi a compra da motocicleta que deberá utilizar. Aínda que parte do prezo estaba subvencionado, a familia debía achegar 3.500 euros. Para acadar a cifra, Vázquez ha contando co apoio de empresas, clubs e institucións. Destaca entre elas o Concello de Boiro, cuxo rexedor, Juan José Dieste, demostrou o seu compromiso co deporte basee. O papel do Motoclub Boiro tamén foi fundamental, grazas ao seu presidente, José Viturro, que exerceu de ligazón entre os responsables do piloto e diferentes casas comerciais.

O obxectivo agora é adaptarse á moto. «O certo é que colleuna moi ben», afirmou o seu pai e adestrador, Adrián Vázquez, quen destaca que, polo momento, «aínda lle cansa un pouco nos brazos. Pesa cen quilos e a postura é diferente, polo que aínda se ten que acostumar».

Unha vez adaptado á nova motocicleta, a meta será «quedar entre os 15 primeiros. Será un dos máis mozos dunha parrilla na que haberá máis de 40 rapaces. O importante é puntuar e ir sumando experiencia».

Vázquez presentará o próximo mes de marzo o seu calendario de probas, onde fará mención a todos os patrocinadores que lle permitiron dar o salto desde o motociclismo galego ao nacional.