«Ciclos de arqueoloxía hai moitos en España, pero coma o de Boiro non»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. branco RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

Destaca o nivel dos relatores e a lonxevidade do foro, que acada a edición número 13

12 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Boiro será de novo, entre o 16 e o 24 de febreiro, epicentro galego da arqueoloxía. Será con motivo dunha nova edición, a décimo terceira, do encontro que promove o museo de Neixón e que vén debuxando unha imparable traxectoria ascendente, tanto polo nivel dos relatores como pola expectación que esperta. A día de hoxe, xa son máis de 200 as persoas que se inscribiron para asistir ás charlas, cubrindo máis da metade do aforo dispoñible. O encargado da organización é Víctor Barbeito, responsable tamén do centro arqueolóxico de Neixón e persoa activa en parte das escavacións que se levan a cabo na zona.

-A que atribúe o éxito?

-En primeiro lugar, ao nivel dos relatores, que fai que a xente que vén unha vez, repita. Hai moita fidelidade nos asistentes. Penso tamén que é un foro ven enfocado, pois ten carácter divulgativo, polo que atrae a moitas persoas que están interesadas no eido da arqueoloxía, en coñecer o pasado.

-Non hai entón ciclos deste tipo no resto de Galicia?

-Atrévome a dicir que, con este perfil, o encontro de Boiro é único en Galicia. Incluso a nivel estatal, ciclos de arqueoloxía hai moitos en España, pero coma este non, pola lonxevidade e as características que ten.

-Como se consegue esta traxectoria de 13 edicións?

-Todo comezou cando, falando coa xente en Neixón, souben que os veciños coñecían os xacementos da zona, pero non quen realizara as escavacións ou as conclusións dos traballos. Falei co Concello e reunín a especialistas que estiveran nas últimas actuacións en Barbanza para que expuxeran os resultados. Como funcionou ben, repetiuse a experiencia e foise ampliando, ata incorporar relatores internacionais. É un privilexio para Boiro, pois acode moita xente de fóra da comarca, sobre todo das provincias de A Coruña e Pontevedra.

-Esta edición é como unha volta ás orixes, con xacementos de Barbanza como prato forte...

-Case tódolos anos se introducen contidos da zona, pero este ano si é certo que teñen moito peso. Coincidiu que vén de rematar o proxecto da USC na serra do Barbanza, que comezou no 2015, e podemos xa coñecer algunhas conclusións.

-Cal foi o gran descubrimento desas actuacións na serra?

-O feito de escavar xa é importante, porque había moitos anos que non se levaban a cabo traballos deste tipo na serra. Os resultados son interesantes porque permiten ampliar os coñecementos que se tiñan sobre o pasado dos habitantes da península do Barbanza, fundamentalmente no terceiro milenio antes de Cristo, un período sobre o que había moi poucos datos.

-Considera prioritario continuar con esas escavacións?

-Nós puxemos os alicerces e de aí van saír traballos de investigación e algunha tese, polo que seguirá vendo a luz a información. A idea era saber onde vivía a xente antes da etapa castrexa e as condicións que tiña, e a resposta está dada. Se xorde outro interrogante no futuro, habería que traballar para darlle contestación. Hai que ter en conta que, cos datos que hai, tardaranse tres ou catro anos en obter unhas conclusións definitivas. Si está previsto seguir traballando en Chan do Cerqueiro.

-En que lugar da comarca ten postos os ollos agora mesmo?

-Levo unha década traballando en xacementos de montaña, do período da alta Idade Media, e cando remate unha intervención que queda en Boiro, que espero que sexa este mesmo ano,, gustaríame apuntar cara a costa.

-Non lle gustaría apurar os traballos de Neixón?

-O obxectivo en Neixón non é tanto a escavación integral do xacemento, senón compaxinar estes traballos coa posta en valor dos restos mediante a súa musealización e coa formación. Por iso tratamos de ir organizando cada verán un campamento práctico para estudantes.