O Barbantia, a conquistar Francia

Tras brillar con forza a nivel español, o equipo con sede en Boiro medirase aos mellores do mundo no país veciño


Ribeira / a voz

Anxo, Bake, Baza, Iván, Chichi e Poli poderían conformar unha temible banda de fuxidos do Afastado Oeste americano. Non cabe dúbida de que a súa puntería sería temida a quilómetros de distancia. Poucos shériffs atreveríanse a enfrontarse a elas nunha batalla a vida ou morte. Forman en cambio uno dos mellores equipos de dardos de España, o Barbantia, co que este fin de semana disputarán, na cidade francesa de Saint Aubin du Cormier, o Pirates Darts International Championship.

«Enfrontarémonos aos mellores de Europa. Vamos con toda a ilusión do mundo», recoñece Víctor Rodríguez, Poli. É el quen explica as incógnitas dun deporte que move millóns de euros en todo o mundo. «A receita é adestrar moito. A nosa fortuna é contar cun gran grupo. Somos como unha pequena familia. O bo ambiente que hai no equipo é o que nos fai chegar lonxe», confesa o barbancés.

O Barbantia compite na modalidade de máquina electrónica, o que lle permite medirse con xente de todo o globo a través de Internet. ¿Posibilidade de facer trampas? «Non hai opción. A diana ten dúas cámaras web. É imposible marcar o dardo onde queres ou tirar dende máis preto. Nótase ben que o que a fixo sabía xogar», admite entre risas.

A tecnoloxía

Grazas a este avance tecnolóxico, o conxunto boirense puido abrirse un oco na elite internacional. Vencedor de varios campionatos a nivel nacional, os xogadores viaxaron a Seúl tras os seus éxitos domésticos. «Isto esixe moitas horas ao día. Eu podo estar cinco ou seis lanzando. Pouco a pouco vas notando a melloría. Se algo che gusta, non importa o tempo que lle dediques», afirma.

Aínda que a modalidade con maior fama é a de dardos con punta de metal, Poli recoñece que en España é unha disciplina con pouco apoio: «En Galicia existe unha liga na Coruña, pero para nós é practicamente imposible desprazarnos alá tódolos venres».

No caso dos barbanceses, o que fan é achegarse cada semana ás máquinas electrónicas espalladas pola comarca: «Están en Noia, Queiruga e Nebra. En cada unha delas disputas unha liga diferente, cun premio que varía».

Nunha, o Barbantia afronta a recta final do torneo como primeiro do seu grupo. Si lograse o título, a recompensa sería unha suculenta suma de 10.000 euros. Tras a competición en Francia, os seis teñen outro gran desprazamento moi pronto. «Iremos a Malasia en abril, xa que conseguimos unha praza para o Soft Darts World Cup 2019», confesa Poli, que volve destacar a fortaleza do bloque para intentar dar a badalada: «O importante de todo é que somos amigos. ¿De que vale viaxar a Malasia ou Seúl se non o fas cos teus?».

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
2 votos
Comentarios

O Barbantia, a conquistar Francia