Felipe Blanco: «A responsabilidade faiche mellor»

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

Capitán do Boiro xuvenil, conta co talento e proxección suficiente para brillar galego

23 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Felipe Blanco (Boiro, 2000) é unha das promesas do fútbol barbancés. Capitán do Boiro xuvenil, conta co talento suficiente para brillar. Capaz de desequilibrar un encontro nunha xogada, recoñece que o brazalete pesoulle máis do que esperaba, pero que tamén o fixo máis forte.

-Como valora a tempada?

-Ao comezo vina complicada. Estábamos moi afastados dos de arriba, pero agora atopámonos moi ben. Somos sétimos e vemos que os rivais pinchan. Iso fainos crer que temos opcións de meternos na pelexa pola fase.

-É ambicioso.

-Eu creo que se seguimos nesta dinámica podemos engancharnos. Estamos con moita ilusión.

-Acusaron a praga de lesións do inicio da liga.

-Intentamos recuperar xente o máis rápido posible. Facíannos falta bastantes xogadores no medio e notámolo. Co paso das semanas fomos recuperando pezas e mellorando como equipo.

-Cal é a maior fortaleza do Boiro xuvenil?

-Temos un centro do campo moi bo, que sabe xogar o balón pero que tamén é contundente. Por arriba cústanos un pouco máis, pero gústame moito o equipo.

-Exerce de capitán e de mellor xogador do equipo. Como o leva?

-Ao principio acusei tanta responsabilidade, pero Manuel Ángel e Moreno estanme apoiando moito. Teño que axudar a todos e ademais tirar dos rapaces de primeiro e segundo ano.

-Pesa ser o líder?

-Era a primeira vez que tiña que selo, pero a responsabilidade faiche mellor. Ao principio da liga víame máis solo, pero entendín que tiña que axudar ao equipo. Se vamos cada un polo seu camiño non chegaremos a ningún lado. Toca ir todos xuntos.

-Remata esta tempada a etapa xuvenil. Cal é o seu plan?

-Levo dous anos aquí e estou moi contento. Eu quero dar o mellor que teño para que o adestrador do equipo sénior se fixe en min. Non só ten que decidir el, teño que gañarme a súa confianza.