Polémica e rancor en Barraña

Antón Parada

BOIRO

O Arenteiro gañou un partido que comezou inclinándose a favor do Boiro e no que se viviron constantes momentos de tensión e numerosas faltas

20 ene 2019 . Actualizado ás 21:44 h.

Nin foi un bo día para o Boiro, nin o foi para aqueles que se sintan nunha bancada agardando ver un fútbol digno. Os de Rubén López deixáronse tres puntos en casa (1-3). Fixérono ante un Arenteiro que mostrou o mellor de si na segunda parte, pero cuxa vitoria se viu deslucida polo xesto dun antigo coñecido no campo, un Hugo Sanmartín que tras marcar o seu segundo golazo achegouse a provocar á bancada boirista e, desde ese momento, desatou o cúmulo de polémica e rancor en Barraña que se había ido xestando desde o inicio.

En liñas xerais, o encontro comezou de cara aos locais, co frescor dun Álex Ube recentemente chegado que demostrou que leva pólvora nas botas ou os escintileos de calidade do binomio de Anxo e Anxo, a pesar de que este se fose apagando co transcurso do choque e a presión duns rivais que se sentían máis cómodos no plano físico.

Todos estes ingredientes se traduciron, no minuto 12, nunha apertura da lata con membrete presidencial, por suposto o dun Changui que recolleu un pase en longo da banda para quedar só ante Rui e disparar como nos mellores wéstern, sen perdón. A partir dese instante, sementouse o malestar, posto que as bancadas reclamaron unha falta a favor do Boiro e unha bóla á fuga pola banda que os colexiados non entenderon como tales.

Entón produciuse a resposta do Arenteiro, en forma dun Hugo que correu a banda nun dicir amén para quedar ante Rodri e pegala, coa fortuna dun rebote que enganou ao cérbero boirista. O resto da primeira parte estivo marcada por unha dobre ocasión dos locais, tras un centro de Ander que non foron capaces de coordinar na área.

A provocación

Á volta de vestiarios, o Boiro sorprendía cunha bela combinada entre Óscar, Ube e Anxo que non achou fortuna na cociña verde. Cando o luminoso indicaba o 62, Hugo xurdiu da nada para volver a merendarse a banda e fusilar con todas as da lei, pero saltouse unha básica do fútbol ao plantarse ante as Krusadas e restregarles o tanto. Así se espertaron vellas pantasmas máis relacionados con aspectos administrativos que deportivos e escoitouse algunha advertencia en forma de xogo de palabras ?«a todo Hugo lle chegará ou seu Sanmartín»? entre as pitadas monumentais.

Mas o do lateral non era o único rostro do Arenteiro que soaba en Barraña e Fajardo lembrou o seu cun disparo que Rodri sacou cunha palomita que lle puxo á altura do seu homólogo rival, que xa atesouraba tres auténticos paradones tirando de puños. López reconfiguró o equipo e apostou por Álex Teira e Xacobe, unha decisión acertada que non tivo tempo de madurar para darlle a volta ao partido.

No entanto, nos compases finais, unha contra do Arenteiro acabaría póndolle en bandexa a Carlos de Dios o último e definitivo tanto do duelo.