O colexio de Cabo afondará na educación meteorolóxica e ambiental a través de dous proxectos

A. Parada RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CEIP SANTA MARÍA DO CASTRO

O CEIP Santa María do Castro participa no programa Meteoescolas da Xunta e no Voz Natura da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre

12 dic 2018 . Actualizado ás 14:21 h.

Este vai ser un curso de moito traballo para a comunidade educativa do boirense CEIP Santa María do Castro, pero que obterá como valiosa recompensa a mellora dos coñecementos do alumnado en materia de educación meteorolóxica e ambiental, así como o respecto dos pequenos pola natureza, un camiño que xa levan tempo andando no colexio de Cabo. Trátase da súa participación no programa Meteoescolas -enmarcado nun dos Plans Proxecta da Consellería de Educación-, así como no Voz Natura que impulsa a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre coa colaboración de La Voz de Galicia.

No relativo á colaboración entre o centro crucense e Meteogalicia, os rapaces realizarán medicións diarias de temperatura máxima e mínima, así como dos niveis de chuvia rexistrados, tarefas que irán rotando entre os 135 rapaces, xa sexa no nivel dos 3 anos ou no dos maiores de 11. Será o segundo ano que esta escola de Boiro participa nesta iniciativa pola que se analizará o reto do cambio climático, fenómenos atmosféricos e ata refráns e vocabulario sobre este senso. Tamén contarán coa visita de expertos e aprenderán a interpretar unha gráfica e un climograma mediante os datos que recompilen a cotío.

CEIP SANTA MARÍA DO CASTRO

Por outra banda, dende o Santa María do Castro indicaron que este ano a ilusión é dobre ao ser un dos tres centros do municipio de Boiro que participan no histórico programa Voz Natura polo que a presión fará que se apliquen o máximo posible para presentar un elaborado traballo. Neste senso, a comunidade educativa realizará actividades dirixidas á concienciación en materia de separación, reciclaxe e reutilización de residuos, a través dun composteiro co que contan nas instalacións do colexio. De aí quitarán o abono que empregarán para cultivar herbas aromáticas ou decorativas, pero tamén legumes, hortalizas e verduras de tempada.

«Patios inclusivos»

Do mesmo xeito, o CEIP Santa María do Castro tamén se embarcará este ano nun Plan de Formación de Profesorado que leva por título Patios inclusivos. O obxectivo será o de dar unha alternativa de xogo nos recreos aos estudantes que non estén interesados nos deporters maioritarios como o fútbol ou baloncesto. O foco estará posto sobre a oferta de distintas actividades lúdicas, sempre coa meta de potenciar a plena inclusión educativa en todos os ámbitos, «un valor fundamental do centro», tal e como apuntaron dende este. 

«Tentamos ser un referente non concello e na comarca do bo facer e do esforzo para conseguir enriquecer a aprendizaxe do alumnado»

Ademais, o colexio de Cabo tamén ten fixadas outras citas académicas de relevancia. Ao longo do segundo e do terceiro trimestre contarán con charlas de mulleres que traballan no ámbito científico da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e na Universidade de Vigo (UdV) ou de carácter ambiental con integrantes do Seprona, así como actividades conxuntas cos usuarios da asociación Amicos. Neste curso organizarase unha semana cultural que estará vinculada ao deporte e outra á posta en valor do consumo da froita

«Tentamos ser un referente no concello e na comarca do bo facer e do esforzo para conseguir enriquecer a aprendizaxe do alumnado que se matricula neste centro e que se sexa a mellor das súas experiencias», sinalou o docente Javier Míguez, a modo de peche.