A Policía Local de Boiro denuncia a un ciclista que deu positivo en tres tipos de drogas

La Voz

BOIRO

O home foi interceptado cando circulaba de xeito irregular pola rúa Manuel María

08 novs 2018 . Actualizado ás 11:33 h.

Aínda non deran as seis da tarde de onte, cando axentes da Policía Local de Boiro que estaban de garda viron a un ciclista que circulaba pola rúa Principal en dirección sur e, repentinamente, accedía en sentido contrario á rúa Manuel María, esquivando a varios automóbiles que conducían correctamente. Os membros do corpo de seguridade decidiron darlle o alto e trasladalo á xefatura, onde accedeu a ir de forma voluntaria. 

Unha vez nas dependencias policiais, o home -veciño da localidade nacido en 1982- foi sometido á proba de drogas, que deu positivo en THC, cocaína e opiáceos, polo que foi denunciado. Ademais, o ciclista tamén deberá enfrontarse a unha sanción por non obedecer un sinal de acceso prohibido.