Dúas novas sentenzas avalan a loita dos emigrantes retornados contra Facenda

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

Os colectivos de pensionistas barbanceses trasladarán a súa protesta mensual a Santiago

08 jun 2018 . Actualizado ás 22:25 h.

Aínda que a contagotas, van chegando as sentenzas favorables aos emigrantes retornados da comarca, que levan anos reclamando na rúa que Facenda modifique as condicións que lles esixe á hora de tributar polas pensións que reciben dos países nos que traballaron e iguáleas ás dos xubilados que non se viron obrigados a emigrar ao estranxeiro. Dúas novas sentenzas, ás que está previsto que se some algunha máis nos próximos días, avalan a súa loita.

Os fallos que están a recibir afectados de toda Galicia corresponden a retornados que emigraron a Alemaña e aos que Facenda debe devolver o que lles cobrou de máis en virtude dun convenio entre ambos os países que estivo vixente ata o 2013 e segundo o cal quen recibisen unha pensión alemá non terían que tributar por ela en España para evitar a dobre imposición.

Neste caso atópase Silverio Bandín, un dos últimos barbanceses ao que notificaron a sentenza favorable. A pesar diso, mostrábase indignado polo trato que reciben por parte de Facenda os emigrantes retornados: «Isto é unha vergonza. Eu paguei a miña xubilación en Alemaña e agora teño que pagala outra vez. Sácanme 600 euros todos os meses e agora vénme a declaración da Renda e teño que pagar 3.500, despois de andar traballando por aí e sen poder ver á familia. É un roubo».

Por esta razón, os xubilados seguen na rúa e este mes trasladarán a súa protesta a Santiago.