A Policía de Boiro interceptou a dous condutores que duplicaban a taxa de alcol

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

Un dos pilotos saltouse un stop e logo circulou a unha velocidade anormalmente reducida

24 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A tarde do venres foi atarefada para a Policía Local de Boiro, que, en apenas unhas horas, interceptou a dous condutores que duplicaban a taxa de alcoholemia permitida, a outro que a superaba e a un cuarto que deu positivo en consumo de cocaína.

Ás 15.15 localizouse a un veciño da localidade que ía ao volante dun Volkswagen Vento e que, tras saltarse un stop, circulaba a unha velocidade anormalmente reducida. Déuselle o alto na rotonda de Cimadevila e na proba de alcoholemia guindou un resultado de 0,33 miligramos por litro de aire. Un par de horas máis tarde, os axentes deron o alto a un Ford Focus que ía a unha velocidade excesiva pola zona de Praia Xardín. No test, o piloto deu uns resultados de 0,62 e 0,67. E pouco antes das 22.00 horas do venres interceptouse a un terceiro condutor baixo os efectos do alcol, que na proba guindou unhas cifras de 0,50 e 0,48 miligramos de alcol.

Para rematar, os axentes sancionaron a outro condutor que deu positivo en cocaína.