O Barbantia segue dando na diana no seu camiño a Seúl

Francisco Brea
Fran Brea RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CEDIDA

Os barbanceses lograron a segunda praza nun campionato internacional tras caer na final co equipo estadounidense

19 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Barbantia segue preparando a súa participación no mundial de dardos, que se celebrará a principios do mes de xullo en Seúl. Os barbanceses non fallan e continúan dando na diana para sumar éxitos. No último torneo non puideron levar a vitoria, pero si que se fixeron cun subcampeonato que ten moito mérito. O Internacional Radikal Darts, que se celebrou en Vigo, contou coa participación de equipos de diversos lugares do mundo.

Non comezou ben a andaina do Barbantia na cita, xa que Anxo Iglesias , Víctor Rodríguez, Alberto Bazarra e José María Rodríguez perderon a primeira partida contra o conxunto alemán. Aínda así, non viñeron abaixo e conseguiron remontar ata plantarse na final.

Nela tropezáronse cun dos máximos favoritos a conquistar o título, o equipo norteamericano. A pesar de que o enfrontamento foi intenso e disputado, os estadounidenses fixéronse co triunfo aínda que os galegos foran os mellores en medias por partida durante todo o campionato.

Por outra banda, tamén cabe destacar que a principios deste mes o Barbantia ocupou a primeira posición no torneo autonómico Phoenix Fusion Máster, que se celebrou en Viveiro.

No conxunto están contentos co rendemento e agardan chegar á cita coreana no mellor estado de forma posible.