As chamas devoran as ruínas da antiga fábrica Hadasa na Pobra

A. Gerpe, M. Casais

A Pobra do Caramiñal

Carmela Queijeiro

O lume comezou cara a as once e media da mañá e, á unha, os bombeiros lograron controlalo

14 oct 2021 . Actualizado ás 16:29 h.

As chamas devoran as ruínas da que fose a factoría Hadasa da Pobra do Caramiñal , que leva anos inactiva e en disputa cos síndicos polas contías debidas.

Os servizos de urxencia acudiron á zona tras recibir avisos sobre a existencia dunha columna de fume nas instalacións. A voz de alarma deuse cara ás 11.20. Todo apuntaba a que se trataba dun incendio de gran calado, segundo indicaron fontes da Policía Local, pero os bombeiros conseguiron controlalo sobre a unha da tarde.

Ata o lugar desprazáronse dispositivos da Policía Local, Garda Civil de Boiro, equipos de bombeiros tanto de Boiro como de Ribeira, e o servizo de Protección Civil da Pobra. 

Segundo indicaron fontes que participaron no dispositivo de extinción, o lume comezou no interior da fábrica, dentro da nave principal. Alí aínda permanecían uns palés de madeira, punto de orixe das chamas. A Policía Local baralla varias hipóteses, entre elas que o incendio se rexistrase de xeito intencionado, ou fortuitamente. Neste último caso, explican que non é a primeira vez que algunha persoa accede ás instalacións para cortar pezas de ferro e non se descarta que algún chispazo da maquinaria empregada puidese provocar un chispazo que saltase a unhas bolsas que había sobre os palés.

O lume propagouse rapidamente e acabou afectando á cuberta e a estrutura da nave. O incidente saldouse sen ningún ferido e por agora, non houbo derrumbe, pero a situación está pendente dunha valoración máis profunda para asesorar sobre os riscos. 

Todo o aproveitable das instalacións fabrís xa foi vendido no seu día para pagar a traballadores e acredores, e aínda que desde o Concello da Pobra leva tempo reclamándose a Costas a súa derriba, nada puido facerse ata a data. 

Hai uns días, ao falar sobre as reclamacións do Concello pobrense ao Estado, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, advertía sobre o mal estado das instalacións e o risco que isto supuña. Mesmo, sinalaba que a cuberta corría o risco de . «voar se hai un temporal»O lume parece que acabará de esnaquizar o que quedaba da factoría.