O goberno municipal da Pobra di que foi un erro convocar o pleno no que se aprobou unha dedicación exclusiva e un cargo de confianza

A Pobra do Caramiñal

marcos creo

O executivo de Xosé Lois Piñeiro quere dar o primeiro paso para retomar as negociacións co BNG para que entre no executivo

29 sep 2020 . Actualizado ás 15:49 h.

Moitas veces para conseguir algo hai que ceder, e iso precisamente é o que fixo o goberno local da Pobra, que hoxe anunciou publicamente que cometera unha equivocación ao celebrar o pleno do 1 outubro, no que se aprobou unha dedicación exclusiva para a concelleira de Servizos Municipais e a contratación dun posto de persoal eventual. Aínda que xa levaran o asunto a varias sesións plenarias previas, o voto en contra dos nacionalistas e do PP habíalles impedido sacalo adiante. Por iso Nós Pobra e o PSOE aproveitaran que ese 1 de outubro estaban ausentes no salón de plenos os dous concelleiros nacionalistas -aínda non se incorporaron os novos edís do Bloque despois de que dimitisen os anteriores- para aprobar a súa proposta.

O alcalde pobrense, Xosé Lois Piñeiro -que estivo apoiado por todos os concelleiros do equipo de goberno- leu hoxe un comunicado afirmando que esta manobra fora «un erro que supuxo a ruptura das xa moi avanzadas conversas entre as dúas asambleas (Nós Pobra y BNG). A maioría circunstancial empregada, aínda que legal, non representaba o sentir democrático expresado nas urnas pola veciñanza da Pobra».

Ademais de recoñecer devandito erro, o rexedor destacou a súa intención de «comenzar de forma urxente e partindo de cero as negociacións coa asamblea local do BNG, con obxectivo de chegar a un acordo para a participación do BNG no goberno municipal». Aínda que Piñeiro se mostrou remiso a dar máis datos sobre este comunicado, admitiu que tiveran algún contacto xa cos nacionalistas, pero agardaban que este comunicado desbloquease a situación e que permitise chegar a un acordo entre ambas as formacións. Sobre cambiar a moción aprobada no polémico pleno, sinalou: «Modificar non hai nada que modificar. Hai un contencioso que podemos presentar».