Aberta ao baño a praia pobrense dos Raposiños

A. L.

A Pobra do Caramiñal

CEDIDA

As últimas análises de Sanidade confirman que non hai perigo para a saúde dos bañistas

04 sep 2020 . Actualizado ás 21:13 h.

A Consellería de Sanidade comunicou ao Concello pobrense que xa é apta para o baño a praia dos Raposiños despois de que as últimas análises confirmasen que o brote contaminante foi «un feito puntual producido pola vertedura de augas fecais, cuxa orixe será investigada», apuntaron fontes municipais. O pasado luns, os técnicos da Xunta recolleron mostras microbiológicas neste areal pobrense que indicaban que había unha alta concentración da bacteria escherichia coli, o que constituía un risco para as persoas que se metesen na auga.

Desde o Concello emitiuse un comunicado onte recomendando que se evitase bañar nos Raposiños, aínda que xa anunciaba que todo apuntaba que o brote contaminante sería un foco puntual e que pronto se podería reabrir o areal. «Compre lembrar que o cómputo total das análises realizadas nesta praia propicia que a súa cualificación sexa excelente», apuntaron. 

Dentro do programa de vixilancia das zonas de baño en Galicia, os técnicos de Sanidade adoitan tomar mostras cada 15 días  para coñecer a calidade das augas e avaliar a súa evolución no tempo. No concello pobrense sométense a estas probas seis areais.