Rescatan a unha muller que estivo a piques de morrer afogada na Pobra

Francisco Brea
F. Brea LA VOZ

A Pobra do Caramiñal

CEDIDA

A rápida intervención duns mariscadores e da Policía Local evitou a traxedia

16 ene 2020 . Actualizado ás 07:57 h.

Unha muller de 72 anos, natural da Pobra, estivo a piques de morrer afogada tras precipitarse ao mar nas inmediacións da Casa Mariñeira, que serve como punto de información turístico. O 112 alertou á Policía Local ás 13.26 horas e os axentes desprazáronse rapidamente ao lugar para socorrer á pobrense. Á súa chegada, uns mariscadores xa conseguiran sacar á muller da auga e subírona á súa embarcación. Os policías accederon ao barco para auxiliar á vítima, que respiraba con dificultade pola cantidade de auga que tragara.

Tras póla de lado, os axentes preguntáronlle que sucedera. A muller, con dificultade para falar, confirmou que non fora empurrada ao mar. Cando chegaron ao pantalán volveron vivirse momentos de estrés. Ao incorporar á pobrense para subila á padiola para ser introducida na ambulancia do 061, esta perdeu a consciencia ao presentar, unha vez máis, dificultades para respirar. A muller foi trasladada ao hospital de Barbanza.