Portos realizará melloras no porto da Pobra este ano e licitará actuacións de maior envergadura

ribeira LA VOZ

A Pobra do Caramiñal

xoán crespo

Entre os traballos atópase a restitución completa do pavimeto dos pantaláns de terceira e cuarta lista ou a instalación de torretas de subministración de auga e electricidade

09 ene 2020 . Actualizado ás 15:44 h.

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Linguas, reuniuse con representantes da confraría e do sector bateeiro da Pobra para analizar a necesidade de realizar reparacións nos pantaláns do porto co fin de mellorar o servizo aos usuarios. En relación a estas melloras, Linguas trasladoulle aos profesionais a previsión de facer traballos puntuais para atender as necesidades urxentes e de licitar durante este ano as actuacións de maior envergadura. Estas incluirán, entre outras, a restitución completa do pavimento dos pantaláns de terceira e cuarta lista, a instalación de torretas de subministración de auga e electricidade, a mellora da iluminación, a eliminación dos fondeos dos fingers e a redistribución de prazas de amarre para adaptalas ás embarcacións actuais.

Outra das cuestións abordadas na reunión foi a dragaxe do porto para favorecer o calado dos barcos. En relación a isto, a presidenta de Portos sinalou que na súa tramitación tamén se incorporará a dragaxe do peirao comercial. A seguridade nas instalacións portuarias foi outro dos asuntos tratados. Susana Linguas sinalou que Portos está analizando a viabilidade de opcións como a videovigilancia a nivel global. Por outra banda, os profesionais do mar e a dirixente do ente autonómico tamén falaron de asuntos relacionados co aparcadoiro de vehículos, a permeabilidade do porto comercial e a regulación do tráfico no peirao.