As historias de vida que conta a procesión do Nazareno

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA

A Pobra do Caramiñal

Miles de persoas abarrotaron un ano máis as rúas da Pobra movidas pola devoción

16 sep 2019 . Actualizado ás 21:38 h.

Poida que haxa a quen lle pareza macabro levar un cadaleito baleiro nunha procesión, pero o certo é que en realidade o que contan esas caixas de madeira non son historias de morte, senón de vida. Como a de José, a de Cipriana ou a de Unai. Os tres estiveron hoxe na Pobra para cumprir unha promesa, e con eles había miles de persoas con outras tantas historias para render honras ao Nazareno.

Como de costume, durante a misa previa á procesión das Mortaxas, os cadaleitos que logo desfilarían polas rúas da vila agardaban no chan o momento da saída do Nazareno para iniciar o percorrido. Decenas de persoas, a maioría con cámaras coas que inmortalizaban cada detalle dunha xornada tan peculiar como multitudinaria, arremuiñábanse ao redor, e entre eles destacaba a cor morada do hábito dos ofrecidos. Eran 11 os féretros aliñadas rúa abaixo, e entre eles destacaban dúas: brancos e pequenos, de dous nenos.

Un deles era o de Unai, que con apenas sete meses é todo un loitador. A súa é unha desas historias de vida, por iso os seus pais, chegados desde Vimianzo, estaban felices de estar na Pobra cumprindo co ofrecemento que fixeron ao Nazareno cando o seu fillo naceu sen esófago: «Ofrecémolo a moitos sitios. Agora parece que todo vai ben, e as promesas hai que cumprilas». Despois de operarse en Madrid, estar na UCI e pasar cinco meses e medio da súa curta vida nun hospital, Unai é un neno inquedo e cheo de vitalidade.

Moita emoción

José Aldea, natural de Cea pero casado na Pobra desde hai máis de 40 anos, estaba feliz de vivir para contar por que vestía de morado: «Detectáronme 19 pólipos non estómago e 17 eran canceríxenos. Hai dez meses que me operaron e aquí estou. Non teño estómago ningún, pero levo unha vida case normal. As promesas hai que cumprilas. Vimos con devoción, e agardamos ir saíndo adiante».

Cipriana, que se curou dunha grave enfermidade, tamén estaba alí. No seu caso, era a segunda vez que pasaba pola experiencia de levar un cadaleito nas festas do Nazareno; a primeira, hai anos, fíxoo pola súa filla.

Estrela e Juan Miguel son outros dos ofrecidos que percorreron as rúas da Pobra diante dos féretros que portaban os seus familiares e amigos. «Este ano hai moitas caixas», comentaban veciños e visitantes ao seu paso. Xunto a eles, camiñaron moitas outras historias, persoas ofrecidas que se delataban ben polo hábito morado que vestían, polas velas que portaban ou por realizar o percorrido descalzas.

Unha muller, veciña da Pobra, non podía reprimir as bágoas ao lembrar que a leva a acudir á procesión do Nazareno cada mes de setembro desde hai 22 anos. O seu fillo sufriu un accidente gravísimo e estivo en coma, pero saíu adiante: «Cando pides unha cousa e cha conceden hai que ter fe».

Cita multitudinaria

Din que a fe move montañas, e no caso da Pobra move tamén multitudes nunha cita que dá conta da devoción polo Nazareno. As miles de persoas congregadas na vila para a procesión das Mortaxas a duras penas cabían nunhas rúas absolutamente abarrotadas durante un desfile que parecía non ter fin: «A cabeceira dá procesión vén aí, pero ou santo aínda vai tardar en pasar», comentaban uns veciños mentres agardaban o paso da comitiva.

Mentres, as rúas contiguas ao percorrido do Nazareno eran un deserto polo que só cruzaban os pasos apresurados de quen chegaban tarde á procesión.