O Puebla venceu ao Estudantil tras xogar á ruleta rusa

s. G.

A Pobra do Caramiñal

Picos e Treus, que entraron tras o descanso, foron claves para sumar os tres puntos

18 novs 2018 . Actualizado ás 22:41 h.

O Puebla xogou á ruleta rusa e preto estivo de complicarse a vida. O conxunto branquiazul, claro favorito á vitoria en todas as quinielas, viu como o Estudantil o colocaba contra as cordas nun partido sen dono. Un tanto de Picos no ecuador do segundo tempo achandou o camiño para os barbanceses, que pediron a hora na recta final do encontro.

Con bo xogo por parte dos locais arrincou o enfrontamento en Cadreche. Dominaba o bloque dirixido por Chouza aínda que Espi, Manoliño e Pap foron incapaces de enviar o balón á rede. Non se amedrentou o Estudantil e, no minuto 29, nun dos primeiros achegamentos á área barbancesa, anotou o 0-1. O gol deixou grogui ao Puebla , que estivo preto de recibir o 0-2. Pap, antes do descanso, aproveitou un centro ao segundo pau de Espi para maquillar o resultado co 1-1.

O paso polos vestiarios non serviu para que os pobrenses recuperasen o xogo dos compases iniciais do encontro. O Estudantil incidiu na ferida aproveitando un mal despexe para que Adrián asinase o 1-2. O agravio resolveuno Nacho, cun bo pase ao oco a Pap. O africano non fallou ante o porteiro. 2-2.

Sentenza

Co empate, o Puebla recuperou a súa mellor versión. Sen chegar a brillar, os barbanceses ampliaron a súa vantaxe. Diego Rivas fintó pola banda e centrou a Manoliño. O sonense, desde o punto de penalti, enviou o balón á rede cunha volea imparable para calquera cérbero.

A pesar de que ambas as escuadras gozaron de ocasións para mover o electrónico, foi Picos, aproveitando unha carreira de Treus na que deixou atrás a tres traseiros, o que puxo o 4-2 no marcador.

Tiña máis que dicir o Estudantil, que anotou o 4-3 a falta de 20 minutos. O tanto puxo supuxo o final do duelo e o inicio dun auténtico partido de tenis. Co balón sobrevoando Cadreche, o Puebla sobreviviu á ruleta rusa para sumar a vitoria.

Ficha técnica

Puebla : Alberto, Juan (Augado, min 45), Benogo, Manoliño, Pap, Espi, Xabi, Queiruga, Diego Rivas (Manu, minuto 88), Nacho (Picos, min 65) e Aless (Treus, min 45)

Estudantil: Santiago, Óscar, Denis, Anxo, Miguel, Xenxo (Ismael, min 70), Manuel, Abel, Adrián (Javier, min 87), Héctor (Borja, min 65) e Fran (Dimitar, min 78)

Goles: 0-1, min 29: Manuel; 1-1, min 45: Pap; 1-2, min 47: Adrián; 2-2, min 48: Pap; 3-2, min 63: Manoliño; 4-2, min 67: Picos; 4-3, min 70: Abel.

Árbitro: Represas Rodríguez. Mostrou amarela a Xabi, polo Puebla , e a Adrián, Abel, Fran e Borja, polo Estudantil.

Incidencias: Campo de Cadreche.