Cazado en Panamá Carlos Pombar, unha das «narcopiezas» máis desexadas

M. ARES / J. ROMEU LA VOZ

A Pobra do Caramiñal

carmela queijeiro

Facía 14 anos que se atopaba fuxido da Xustiza e trataba de entrar con documentación falsa no país

13 novs 2018 . Actualizado ás 00:32 h.

Con paciencia e agardando un paso en falso, como o cazador para lograr a mellor presa. Así agardou a Brigada Central de Estupefacientes a que José Carlos Pombar Cameán saíse da súa gorida para conseguir unha das «narcopiezas» máis desexadas. Non en balde levaba 14 anos fuxido da Xustiza.

O barbancés, natural da Pobra, foi detido este luns en Panamá cando pretendía entrar no país centroamericano con documentación falsa. Especúlase con que voase alén do Atlántico non coa intención de organizar un novo de transporte de droga, xa que se lle considera con capacidade suficiente para facelo sen saír do seu agocho, senón con fins económicos, é dicir, buscando onde depositar o diñeiro amasado coa súa actividade, tanto coa legal, ao parecer relacionada co mundo da pesca, como coa ilegal, o narcotráfico, no que se meteu «oficialmente» en 1999 (cando foi detido por primeira vez) e do que non saíu, a pesar das súas proclamas de inocencia sempre que foi detido.

Pombar Cameán non perdeu o tempo no exilio forzado pola súa actividade delituosa, xa que está considerado polas forzas da orde uno dos grandes narcos que operaban no continente africano, desde o que, ao parecer, organizaba transportes de cocaína procedentes de Sudamérica que reenviaba a Europa realizando o transvasamento da sustancia en alto mar, desde barcos pesqueiros a lanzadeiras.

Residencia

O narcotraficante pobrense fixou a súa residencia en Marrocos no 2004, cando foi apresado o pesqueiro White Sands con 3.100 quilos de cocaína camuflada con café a bordo, e xa entón se considerou que el era o xefe da operación e o propietario da nave. Cando se desenvolveu a intervención policial, Pombar atopábase no país norteafricano, e nel quedou para eludir a Xustiza, pois xa contaba con currículo delituoso tras ter sido detido en dúas ocasións no marco das operacións Madeira (unha ramificación de Amórnea), no ano 1999, e Candil, no 2002, ademais de ser implicado polas forzas da orde noutros narcotransportes, como o dos case 2.000 quilos do Meniat, do que Pombar saíu ben parado, ao aplicarlle o xuíz o principio in dubio por reo.

A pesar de atoparse no continente africano, Pombar nunca deixou de ser vixiado polas forzas da orde a nivel internacional, coa Brigada Central de Estupefacientes da Policía Nacional á fronte, á que se sumaron nas últimas semanas a DEA americana e o servizo de intelixencia do Reino Unido. Agardaban un movemento en falso para cazalo, como así foi, sobre todo tendo en conta que se considera ao pobrense probable organizador doutras operacións de narcotráfico ademais das que, por agora, saíu indemne.

Xa entre o 2000 e o 2004, Dolores Delgado, hoxe ministra de Xustiza, sendo fiscala da Audiencia Nacional, intentou meter entre reixas ao narco galego pola súa presunta implicación nun transporte de coca, pero foi incapaz. Posteriormente, sería posto en liberdade.

Licenza de pesca

Nos 14 anos de fuxida, Carlos Pombar moveuse pola franxa atlántica africana comprando licenzas de pesca. Tense constancia da súa presenza en Marrocos, Ghana e as dúas Guineas, circunstancia que non estraña aos investigadores, xa que se considera a zona un paraíso para os narcos, especialmente Bisáu.

Parece que Pombar, no entanto, desexaba volver a casa, porque se sabe que o seu asesores xurídicos se interesaron hai un ano pola prescrición das súas causas.