O Puebla crebou a muralla do Sarriá e asinou un empate

A. Parada RIBEIRA / LA VOZ

A Pobra do Caramiñal

CARMELA QUEIJEIRO

Os da Alta son o único equipo que logrou levar un punto da Ribela

12 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Contra todo prognóstico, o Puebla lembroulle onte ao Sarriá por que os da Alta merécense ser equipo de Preferente, tras asinar un empate con sabor a gloria na Ribela (1-1). Se os lucenses xa non podían presumir de estar invictos tras perder o encontro disputado en casa do Noia, agora tampouco poderán facelo da muralla do seu fortín. O equipo que Miguel Chouza comandou en nome de Anxo Casalderrey foi o único capaz de rachar eses muros e levar un punto de Sarria.

Así e todo, foron os anfitrións os que abriron a lata no 59, grazas a un disparo de Busi. O tanto barbancés chegou no 72, despois dun centro de Treus que Manoliño deixou pasar para que se estrelase no segundo pau, rexeite que Pap recolleu desde a segunda liña para fusilar sen piedade.

Choque físico

«A nivel de moral considerámolo un premio polo nivel do rival», valorou Chouza, dun choque tan igualado como físico no que mesmo os pobrenses chegaron a destacar na primeira parte, con nomes propios como os de Espi, Pap ou Manoliño.

«O Sarriá ten un equipo moi ordenado e non se desequilibra á hora de atacar, obrigounos a expor un partido moi intenso, con moita presión no medio de campo», anotou o técnico, máis que satisfeito.