O Puebla deixouse tres puntos na Alta ante un Dubra con máis acerto na portería

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

A Pobra do Caramiñal

MARCOS CREO

O partido saldouse cun resultado final de 1-2

05 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Puebla caeu onte por un resultado final de 1-2 ante un Dubra que non dubidou en despregar intensidade e dureza no xogo. Fíxoo nunha xornada na que todos os presentes lembraron o por que recibe un nome de altura o seu campo e como sopra o vento na cima de Cabío.

Durante o primeiro cuarto de hora, as adversas condicións meteorolóxicas deron algo de tregua, pero, a medida que discorría o encontro, ambos os conxuntos non tiveron máis remedio que optar por un fútbol directo. Iso si, a uns esa formulación gustoulles máis que a outros.

Co seu habitual esquema de xogo combinativo anulado, o Puebla seguiulle a corrente a un Dubra que puña o primeiro no marcador, aos novo minutos do inicio. Tratouse dunha incursión pola banda esquerda para centrar á área e que Suárez a rematase. No entanto, Espi logrou atopar calma entre tanta tempestade para o Puebla e cravou unha falta directa que o gardameta visitante non viu chegar.

Espi tivo outra ocasión clara na segunda parte, cun tiro desde fóra da área que bicou o traveseiro.

O desempate

A pesar de que Juan tamén roubou suspiros cun necesario paradón, o Dubra rompeu as táboas a oito minutos do final, tras un saque de córner envelenado.

«O partido non responde a ningunha dinámica, nin positiva nin negativa. É especial e non podemos sacar conclusións», explicou Miguel Chouza, o segundo adestrador. A man dereita de Anxo Casalderrey tamén valorou que «dentro da loita os mozos chegaron moi ben e disputaron adecuadamente as xogadas individuais. Todo se baseou máis nos fallos defensivos que nos acertos dos atacantes».