Unha vertedura tinguiu a auga do río Xunderama da Pobra

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

A Pobra do Caramiñal

MARCOS CREO

Gran parte da mancha contaminante localizouse na zona máis próxima ás instalacións da depuradora pobrense

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O río Xunderama, ao seu paso polo novo paseo das Xunqueiras, apareceu onte cuberto por unha gran mancha de graxa e restos brancos que se estendeu con gran rapidez. De feito, a subida da marea favoreceu que a vertedura cada vez ocupase máis terreo, e ao mediodía xa era visible desde a ponte de San Antonio ata a pasarela que una as dúas partes da senda peonil, á altura do centro de saúde da Pobra.

Gran parte da mancha contaminante localizouse na zona máis próxima ás instalacións da depuradora pobrense, polo que todo parece indicar que podería deberse a un fallo no sistema de xestión de augas residuais, pero nin desde o Concello nin desde Augas de Galicia ?responsable da EDAR? confirmaron onte este punto, nin se se ía realizar algunha actuación para impedir que a vertedura chegase ao mar.

Con todo, coa chegada da baixamar, parte dos restos contaminantes quedaron estancados en varias zonas do río, e así se evitou que seguisen contaminando a zona.

Incendio

Este non é o primeiro incidente que sofre o novo paseo das Xunqueiras desde a súa inauguración, xa que este verán uns descoñecidos prenderon lume á caseta para observación de aves que formaba parte da senda peonil. A estrutura, do mesmo xeito que o acceso que tiña, quedaron totalmente calcinados, polo que foron retirados. O goberno local anunciou que agardará a que se recupere toda a contorna para volver colocar un novo miradoiro.