Mancomunar

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

«Mancomunar os servizos municipais ás comarcas crearía máis oportunidades de financiamento e capacidade negociadora»

29 nov 2025 . Actualizado a las 19:35 h.

A Galicia actual é como un motor que vai a varias velocidades. O territorio e a sociedade están cambiando con rapidez pero as institucións, as estruturas administrativas e determinada idea das identidades funcionan ás veces como rémoras para a renovación.

En boa parte do territorio, hai ben de tempo que as comarcas funcionan na práctica como concellos grandes polos que os cidadáns se moven para acceder a servizos, lecer ou para desenvolver as súas redes sociais e familiares. Porén, as reticencias a transformar as vellas estruturas administrativas para adaptarse a esa nova realidade son enormes, e aliméntase tanto de grupos de poder que temen perder o control como de persoas que senten lexitimamente sentimentos de identidade municipal. E iso que moitos concellos foron creados por decreto a partir da Lei de Organización Municipal de 1845. Isto, para a lonxeva visión galega sobre o mundo foi coma quen di onte.

Desde hai anos, moitas comarcas xa mancomunan a acción turística con bos resultados e contan con axencias de captación de recursos para potenciar a economía e patrimonio comarcal. A cultura pode ser o seguinte chanzo. En comarcas coma o Barbanza ou nas da Costa da Morte, o público desprázase durante uns minutos para acudir a actividades.

Mancomunar os servizos municipais ás comarcas crearía máis oportunidades de financiamento e capacidade negociadora e melloraría a oferta para cidadáns que hoxe non están a desfrutar dunha cultura digna e de calidade, xestionada por técnicos profesionais.