A provincia lidera a oferta hoteleira de bonos turísticos na campaña de outono

maría rodríguez SANTIAGO / LA VOZ

BARBANZA

XOAN A. SOLER

Dos 553 negocios de Galicia con descontos, o 39,2% son coruñeses

10 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Fuxir da estacionalidade do turismo é o principal reto do sector en Galicia, a pesar de que a oferta patrimonial e natural da comunidade axuda a combater a supremacía do sol e a praia. Para conseguilo, a Axencia de Turismo de Galicia desenvolve durante o último cuadrimestre do ano dúas campañas distintas: o bono de turismo (expira o 25 de decembro) e o Outono Gastronómico (remata o día 2 do mesmo mes), centrado este último en casas rurais con menús de tempada e varias opcións de hospedaxe e comida.

Os bonos turísticos naceron no ano 2020 como unha forma de dar as grazas ao persoal sanitario polo seu traballo durante a pandemia. Desde entón reeditáronse axustando a súa filosofía para, precisamente, fomentar a actividade deste sector nos meses de menos demanda. A mellor proba do seu éxito é que se esgotan enseguida: 72 horas nesta convocatoria, a pesar de que a venda comezou o 18 de xullo e os descontos non se podían utilizar ata o 15 de setembro.

Cada bono ten un valor de 150 euros, pero ao adquirilo soamente abónanse 90, xa que os 60 restantes corresponden ao financiamento que achega a Xunta, o que supón un 40% do custo. Cada particular pode comprar un máximo de dous e non é necesario consumilos na mesma estancia.

Na campaña actual participan 553 negocios, na súa maioría aloxamentos turísticos, aínda que tamén teñen cabida as axencias de viaxes. E de todos eles, 217 están repartidos pola provincia coruñesa, converténdose así na que máis oferta acapara, cun 39,2% do total. En segundo lugar sitúase Pontevedra, con 159 participantes, seguida de Lugo, con 101. A listaxe complétano os 72 negocios repartidos polos municipios de Ourense.

Outes, Carnota e Mazaricos

E se A Coruña encabeza esta estatística, os datos confirman o liderado de Santiago nesta campaña, con 35 establecementos. A Coruña é a segunda cidade galega con máis oferta (26), en igual número que Vigo, e séguenlle os 16 de Lugo, 13 de Ourense, os 10 de Pontevedra e catro en Ferrol. A oferta coruñesa por municipios, excluídas as cidades, concéntrase en zonas de costa. Outes é o concello con máis negocios adheridos (14), seguido de Fisterra (12), Muxía (10), Cee (9), Carnota (8), Laxe (7), Mazaricos (6) e Oleiros (6). Nesta listaxe cóase, con sete establecementos, un municipio da Coruña interior, Arzúa.

Como contrapunto, abundan os municipios con ningún establecemento adherido á campaña. É o caso de Arteixo, Bergondo, Boimorto, Cambre, A Capela, Cedeira, Cerceda, Cerdido, Coirós, Corcubión, Coristanco, Frades, Irixoa, Laracha, Lousame, Mesía, Moeche, Neda, Negreira, Oroso, Oza, Paderne, Padrón, A Pobra, As Pontes, Porto do Son, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiso, Sobrado, Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Trazo, Val do Dubra e Vilasantar.