Punta Couso

Ciprián Rivas VELAÍ

BARBANZA

Formas traballadas polos efectos da erosión do vento e do mar.
Formas traballadas polos efectos da erosión do vento e do mar. CIPRIÁN RIVAS

16 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Saír do porto de Aguiño ata punta Couso, camiñando ou en bicicleta, é un bo plan para este comezo de verán. Ó exercicio físico engádese o contacto coa natureza marcada por un ecosistema dotado de flora endémica, aves rapaces visibles durante o camiño no seu labor de caza, coellos correndo diante dos teus pés e algún raposo fuxindo dalgún capoeiro das casas limítrofes con este litoral escarpado e pedregoso.

Din algúns camiñantes que por aquí tense visto xabarís tomando o baño na praia das Celeiráns, xa cando o día fuxe.

O itinerario faise acompañado do arquipélago das Illas Atlánticas, Sálvora, Ons, Vionta, Noro, Sagres e ó fondo as illas Cíes, marcando o cabo Silleiro, territorio de Oia.

O saír do peirao o primeiro que se encontra é o monumento ó percebe, do insigne escultor, finado prematuramente, Gonzalo Sarasquete, erguidos sobre o chan e, pintados de branco, como denuncia sobre o desastre producido polo Prestige, que cubriu todo de chapapote. A continuación aparece o esqueleto da antiga mexilloeira, rompendo o equilibrio.

Ruinas e abandono. A partir de aquí o sendeiro está cuberto por pasarelas de madeira, rodeando A Cobasa, rememorando a pegada dos cataláns coa construción de pequenos peiraos onde descargar a sardiña para a salgadura. Son catro quilómetros de praia ata chegar o lavadoiro de Pinisqueira, inserido no mar. Desde aí divisase o olimpo de pedra de Punta Couso, cabo Falcoeiro, habitado por tartarugas, caramechas, cabezas de serpe, falcóns, agardando a que o camiñante poida descubrir esas formas traballadas polos efectos da erosión do vento e do mar.