Boa comida e música para celebrar 40 anos das Amas de Casa de Noia

Laura Ríos
L. Ríos RIBEIRA

BARBANZA

Á cita acudiron máis dun centenar de asistentes ataviadas cos seus mellores galas

08 jun 2024 . Actualizado á 20:34 h.

A Asociación de Amas de Casa de Noia foise onte de festa. E non é para menos, pois 40 anos impulsando actividades e iniciativas para os veciños ben merecen unha boa celebración. A xornada empezou cunha recepción por parte do alcalde, Santiago Freire, e a edila de Relacións Veciñais, Beatriz Rosende, que agradeceron o papel da entidade na dinamización social do municipio. A continuación, máis de 120 asociadas das distintas xuntas locais da provincia asistiron á cita, que incluíu unha visita guiada para coñecer os puntos máis belos da vila.

Cando se achegou o mediodía, os asistentes foron conducidos ata o restaurante do Club Náutico de Portosín, onde gozaron dun variado menú que incluíu croquetas, deliciosas zamburiñas, lagostinos crujientes, carrilleras con crema de pataca e ensalada de brotes. O toque doce foi un biscoito de chocolate.

Discursos e sorteo

A continuación, chegou a quenda de palabra da presidente das Amas de Casa noiesa, María Elena López, que foi seguida por un discurso da presidenta provincial, Rosa Otero, e outro do alcalde do municipio.

Pola tarde celebrouse un sorteo de produtos coa colaboración de distintas marca, como Gadis, Coren, Vegalsa, Froiz, xoiería Petisco, restaurante Tío Manolo, Galaecia Viaxes, Merce Bolsos e Complementos, Club Náutico de Portosín e o Concello noiés. Como colofón, estaba prevista unha actuación a cargo do trío Branca Dobre.