Así era a vida cando non había radio: «Antes íamos a todos sitios cantaruxando»

Laura Ríos
Laura Ríos RIBEIRA

BARBANZA

CEDIDA

Moitas persoas da terceira idade lembran aqueles tempos nos que o entretemento dependía da saúde das súas gorxas e o tempo que aguantasen tocando a pandeireta

30 mares 2023 . Actualizado ás 19:28 h.

Antes non había discotecas, salas de festas ou radios coas que bailar, pero ninguén di que non houbese ganas de festa. Antigamente, durante as longas noites de inverno, os mozos buscaban na música e a danza a mellor forma de pasalo ben. As mulleres eran as encargadas moitas veces de organizar estas xuntanzas, que reciben moitos nomes, sendo os máis coñecidos foliada ou serán.

Daquela época lémbrase ben María Cernadas, unha octoxenaria veciña da aldea de Abelleira que gozou na súa xuventude destas celebracións, que moitas veces tomaban como localización calquera cortello iluminado cun par de lámpadas. «A min sempre me gustou participar porque me gustaba cantar», explica. María, coñecida por moitos como A Veneranda, aclara que «antes non había clases como agora, para aprender tiñas que imitar o que facían as outras».

Comparte que as grandes inspiradoras do seu amor pola música foron as mulleres da súa familia, en especial a súa avoa: «Eu creo que moitas cancións aprendinas dela, antes estábamos todo o día a cantar, incluso cando facíamos as cousas da casa». Cernadas apunta que «cando volvíamos de festa, botábamos unha copla polo lugariño polo que pasábamos, antes íamos a todos sitios cantaruxando»

A Veneranda lembra con todo luxo de detalles as coplas que se lanzaban os homes e as mulleres entre eles e engade que moitas delas eran improvisadas no momento: «Eu teño inventado algunha mentres cantaba».

Para ela as festas xa non son coma antes, pensa que a xente é máis tímida e non se lanza tanto a bailar coma cando ela era moza. Pola contra, aprecia enormemente o papel dos grupos de música e baile tradicional e asevera que «a min encántame a música galega, que as asociacións recollan todo esto». Cun sorriso na boca lembra o momento no que escoitou a unhas pandereteiras tocar unha das cancións que ela lles aprendera: «sorprendeume escoitala de novo, esa copla é moi vela, xa ma aprendera a min miña nai». Cernadas considera que este tipo de paixóns nacen dende a infancia e engade que aínda que lle intentou aprender as tocar aos seus fillos, estes non amosaron nunca moito interese.

Recuperación

Para poder conservar estas cantigas, hai persoas que se dedican de maneira altruísta a ilas recompilando porta por porta. Este é o caso de Alejandro Martínez historiador e membro do grupo Cantigas e Agarimos que leva 12 anos entrevistando a mulleres como María para perpetuar a súa sabedoría.

Explica que a parte fácil do proceso é poñer a cámara e empezar a gravar ás mulleres cantando, pero que antes diso ven un arduo traballo de campo. O rapaz asegura que van case veciño por veciño preguntando por alguén maior que poda saber cantigas, e que cando encontran a alguén o primeiro é facer unha boa toma de contacto: «aínda que leve moito esforzo, estou seguro de que é a experiencia máis enriquecedora que vivín e vivirei na miña vida».

Segundo Martínez a importancia destas recollidas reside na necesidade de conservar un patrimonio cultural inmaterial que non pode atoparse en ningún outro sitio. «O que saben as persoas maiores non o poderá nunca contar un libro de historia».

No tocante á corrección lingüística das coplas, afirma que prefire non cambialas porque que conteñan castelanismos pode dar pistas sobre a súa orixe ou ser unha forma de énfase dunha determinada idea.