Barbanza saca partido ao seu mar con media ducia de marcas de calidade

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. branco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A xouba de Rianxo e o lirio de Ribeira, as últimas especies que conseguiron o distintivo

30 ene 2023 . Actualizado ás 19:33 h.

O mar constitúe o principal motor económico de Barbanza. A industria relacionada con este sector xera unha parte importante da riqueza da comarca, pero tamén a pesca e o marisqueo na súa primeira fase, a venda directa das capturas, teñen un peso fundamental. Por iso, desde diferentes frontes, fanse esforzos para darlle valor engadido ás especies punteiras de cada zona. Tanto é así que, a día de hoxe, hai media ducia de marcas de calidade recoñecidas.

Corría o ano 1996 cando se creaba a primeira, Mexillón de Galicia, un selo que buscaba distinguir ao ouro negro das rías e que arrincou cunha campaña divulgativa que chegou a distintas cidades españolas e que conseguiu situar o molusco nas grandes superficies. Pero o fundamental é que se fixou unha táboa de prezos para a venda do produto en fresco.

Hoxe o Mexillón de Galicia está presente no mercado nacional e internacional a través de máis dun centenar de marcas autorizadas, que dan saída á produción dunhas tres mil bateas, máis da metade situadas na ría de Arousa. Ricardo Herbón, o presidente de Opmega, a organización de produtores, móstrase convencido de que a obtención do distintivo marcou un antes e un despois: «Garante a trazabilidade do produto e a súa autenticidade. Aínda hoxe hai mexillóns que se venden como se foran de aquí e non o son».

A pesar dos logros obtidos, Herbón sinala que aínda queda moito por facer, sobre todo a nivel de promoción: «Temos que conseguir que ese valor engadido que ten o noso produto sexa trasladado ao mercado. Fanse necesarias campañas para divulgar o Mexillón de Galicia».

Talvez foi o éxito que cultivou esta marca o que impulsou a outras organizacións mariñeiras da zona a seguir os pasos dos bateeiros. Así, no 2014 irrompía Polbo de Lonxa, unha central de vendas articulada por seis confrarías de Barbanza e Costa da Morte que hoxe seguen loitando para que o cefalópodo que capturan artesanalmente poida ser perfectamente recoñecible polo consumidor final. A venda en fresco realízase en Muros e Lira, pero Pulponor distribúe o cefalópodo conxelado e Fresco e do Mar o comercializar a través de Internet.

Selo para o rei de Noia.

No 2017 foi a confraría de Noia a que apostou por un distintivo para o seu produto estrela, o berberecho. Desde o depósito explican que a marca de calidade foi determinante para pór en valor o produto e ampliar o mercado: «As conserveiras tamén o demandaban, xa que no mercado hai moito berberecho de importación que se vende como se fora galego», apuntaba o secretario da entidade, Adelo Freire.

Agora hai máis dunha trintena de firmas, entre conserveiras e depuradoras, que están adheridas a unha marca que está plenamente consolidada e atópase en fase de divulgación e posta en valor.

Posteriormente, no 2018, foron os pescadores de Portosín os que decidiron pór en valor as súas principais capturas: o xurelo, a sardiña e a caballa. Idearon a marca Azul de Portosín, que se deu a coñecer con degustacións e xornadas que contribuíron a divulgar unhas especies que viron notablemente incrementada a súa demanda.

Hai menos dun ano, a confraría rianxeira animouse a dar o salto, rexistrando unha marca de calidade para a súa xouba capturada coa arte do xeito. O depósito elaborou o regulamento pertinente e mantivo os primeiros encontros con empresas, sobre todo do sector conserveiro, pero o obxectivo é que o selo entre en circulación de cara á próxima tempada, a partir de xuño.

«A idea é que se revalorice o produto e que o consumidor saiba se está comendo ou non xouba de Rianxo», explicou o patrón maior, Miguel Ángel Iglesias . Engadiu que o distintivo aglutinará ás 420 embarcacións xeiteiras existentes no municipio.

O Lirio de Ribeira foi a última especie que se incorporou, o pasado mes de decembro, á selecta lista . A marca foi impulsada pola Cooperativa do Mar Santo Eugenia, que situou a revalorización do produto, fixando unha táboa de prezos e emprendendo campañas de divulgación, como o principal obxectivo.