O castro de Baroña segue descubrindo os seus segredos

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Hai uns días comezou unha nova intervención para conservar a xoia da coroa do patrimonio sonense

19 may 2022 . Actualizado ás 10:26 h.

O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, xa adiantara a súa intención de levar a cabo un programa anual de actuacións de conservación no castro de Baroña, e por agora estase cumprindo. Tras a intervención realizada o ano pasado, hai só uns días un equipo de arqueólogos desembarcou de novo no xacemento. O obxectivo dos traballos é consolidar estruturas para evitar a súa degradación ante a avalancha de visitantes, pero Baroña esconde aínda moitos segredos e con cada escavación saen á luz novos achados.

E todo parece indicar que esta intervención non será unha excepción e guindará pistas que conducirán a futuras actuacións. TitoConcheiro , que leva unha década capitaneando os proxectos arqueolóxicos no castro, non quere adiantar nada por agora, pero si confirma que hai nova información e que se está analizando. É pronto para sacar conclusións, pero segundo avancen os traballos iranse coñecendo os detalles. «Cada vez que se entra no castro conséguese información nova», aseguraba cando se anunciou a nova actuación.

Dúas vivendas

En canto á intervención que comezou fai uns días no xacemento, consiste fundamentalmente en tarefas de mantemento, consolidación e acondicionamento de estruturas, aínda que tamén está previsto escavar nun sector do recinto onde se sabe que hai dúas cabanas que non se tocan desde hai décadas e que se pretende sacar á luz.

A actuación conta cun orzamento pequeno, co que os traballos se concentran nunha área duns 80 metros cadrados en pártea sur do segundo recinto da edificación.

O Concello de Porto do Son, que ten como obxectivo preservar un dos seus grandes polos de atracción turística, conta nesta ocasión coa colaboración da Xunta para financiar unha intervención que inclúe a colocación de sete basees topográficas permanentes que servirán para traballos posteriores.