Veciños da Pobra reúnen firmas para reclamar unha solución ás inundacións do río Xunqueiras

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Xosé Lois Piñeiro, alcalde en funciones de A Pobra
Xosé Lois Piñeiro, alcalde en funcións da Pobra MARCOS CREO

Os residentes reclaman que se mellore a limpeza da canle

02 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Veciños da zona de Mirandela, na Pobra, acudirán á casa consistorial para abordar co alcalde posibles solucións ás inundacións ocasionadas polo río Xunqueiras.

A situación é a mesma cada inverno, segundo describen os afectados, e varias das vivendas da zona aláganse con auga procedente do arroio cando este se desborda. «O ano pasado tiveron que vir Protección Civil, bombeiros e incluso a Garda Civil para poñer mangueiras a sacar a auga de seis casas, e cando acabaron, á media hora xa estaba inundadas outra vez», sinala unha veciña. Ademais varias edificacións realizadas na contorna modificaron a corrente, segundo apuntan os implicados, obrigando á auga a desviarse do seu curso e avanzar cara a áreas que antes estaban secas.

Os residentes tamén reclamarán ao alcalde unha mellor limpeza do río, sobre todo no tramo máis alto. Insisten en que esta é unha prioridade da que o Concello debería facerse cargo, xa que as zonas máis problemáticas pasan por propiedades privadas e eles non poden entrar a limpar como fan con outras seccións da canle. Os veciños buscan que se realice un mantemento máis exhaustivo, para evitar a acumulación de restos forestais e de lixos cara ao final do afluente.