Lugares que gardan as lendas de Barbanza

L. Veiga RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Historias e mitos combínanse coas paisaxes para crear un patrimonio inmaterial único

29 novs 2021 . Actualizado ás 13:37 h.

O patrimonio inmaterial volveuse tan valioso como as construcións históricas e demais elementos tanxibles. Non son poucas as persoas que gozan ao escoitar unha boa historia ou as memorias dos seus devanceiros, pero para que isto sexa posible as lendas non deben perderse. Unha boa forma de achegarse a elas, ademais de telas presentes, é percorrer e aprender a ver con outros ollos eses lugares onde, din, ocorreu todo.

Unha princesa enterrada

O municipio ribeirense ten unha mitoloxía variada, onde a realidade se mestura coa ficción, como ocorre coa coñecida historia das heroínas de Sálvora. No entanto, menos persoas son as que escoitaron falar dos prantos da princesa atrapada baixo as areas das dunas de Corrubedo, que debe ser liberada a través dun pasadizo que, dise, existe baixo a gran pedra da Ferreira.

Sen moverse demasiado lonxe, simplemente asomándose á lagoa de Carregal, hai quen asegura que nos días claros pode chegar a albiscar as trabes das casas de Malverde, a cidade mergullada tamén coñecida como Valverde.

CARMELA QUEIJEIRO

Peral de vida

O río Pedras é o fogar dunha infinidade de historias mitológicas. Desde as lavandeiras que piden axuda para torcer a roupa ata unha poza máxica na que bañarse na noite de San Xoán. Existe tamén unha porta cara ao outro mundo no coñecido como Pozo Negro. Nas súas profundidades tamén hai unha árbore que dá peras de ouro. O día que este se seque, o río Barbanza quedará sen auga e os seres humanos desaparecerán da Terra.

CARMELA QUEIJEIRO

Castigo divino

Esta sorte de extinción foi a que, dise, correron os habitantes da aldea maldita de Abuín. A lenda conta que foron eles quen asaltaron o mosteiro de Armenteira e, ao día seguinte, todos empezaron a morrer contaxiados dunha suposta peste. Hai quen di que os visitantes deste enclave rianxeiro deben andarse con ollo, pois o tesouro, maldito ou non, segue escondido baixo algunha das casas que aínda se conservan.

MARCOS CREO

Pozo encantado

Outra fortuna oculta é a que está na coñecida como Cova da Moura, no dolmen de Argalo. Aínda que a pedra superior foi roubada hai moito tempo, poida que para pechar unha leira, contan as historias que o megalito contiña un pozo habitado por unha moura e, se se presta atención, oiranse saír os seus cantos.

MARCOS CREO

Cíclopes e piratas

Outros sons estraños son os que saen da cova de Fonforrón, que se converte nunha caixa de resonancia que permitía aos mariñeiros saber cando era bo momento para saír a faenar. Poida que sexa isto o que alimentou os mitos de monstros mariños que se refuxian alí durante o inverno, ou as historias de contrabandistas que buscaban fuxir a través dela.