Pequenos negocios no xigante virtual

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Cedida

As cinco plataformas de venda por Internet creadas en Barbanza a raíz do peche forzoso polo covid superan os 200 establecementos adheridos

16 oct 2021 . Actualizado ás 19:41 h.

A crise sanitaria supuxo un salto cualitativo na inmersión dixital do pequeno comercio de Barbanza. Ata o peche forzoso do pasado ano pola pandemia, eran unha minoría os establecementos que aproveitaban o tirón informático para sumar á súa tenda física outra online. Con todo, o estado de alarma puxo de relevo a necesidade de contar con alternativas de venda. A entidade Noia Histórica xa comezara a traballar niso antes do covid, pero o virus impulsou o lanzamento do portal Vai de Tendas. A ela sumáronse outras catro plataformas creadas no último ano, que aglutinan a un total de 215 establecementos.

 Asociacións de empresarios, co respaldo económico dos concellos fixeron posible a saída a Internet de negocios cuxos propietarios carecían de capacidade para iso. Así xurdiron o Vai de Tendas noiés, Merca Rianxo e, na Pobra, Deanshop. No caso de Porto do Son, con Son ou teu Comercio, e Ribeira, co portal Ribeira Store, foron os concellos os artífices. É a Administración local da capital barbancesa a que máis diñeiro investiu neste proxecto e, mesmo, contratou a unha empresa para que proporcione asesoramento ás tendas.

Ribeira Store é a plataforma que aglutina a máis negocios, 92 na actualidade, mentres que Son ou teu Comercio é a segunda maioritaria, con 70.

 Implementar melloras

O máis destacado de quen impulsaron o nacemento destes portais é que o seu propósito é que gañen protagonismo a medio prazo coa introdución do maior número posible de establecementos.

Por iso, en todos están a se preparar melloras. En Ribeira, a edila Ana Barreiro cita entre as incorporacións unha fórmula de pagamento virtual que permite ás tendas obter o ingreso inmediato correspondente á venda realizada. Con esta ferramenta tamén conta Merca Rianxo, cuxa xerente, Ana Vicente, detalla que dispoñen dun sistema centralizado que permite ao usuario incluír na cesta produtos de distintas tendas. En canto ao portal pobrense, con 17 adheridos, acaba de engadir como novidade a opción de subir excedentes agrícolas.

Aínda que ninguén dubida de que a necesidade de ter un comercio na Rede, o principal hándicap para que se sumen máis establecementos é a laboriosidade que supón a subida de produtos. En facilitar este aspecto traballa a Asociación Rianxeira de Empresarios. Ana Vicente comenta que «estamos realizando probas para que os comerciantes poidan incorporar moitos produtos ao mesmo tempo».

O posicionamento en redes sociais tamén é determinante, un aspecto que desde o Concello de Ribeira tamén traballaron.

O portal sonense traballa na inclusión de postos do mercado de abastos

Un técnico contratado polo Concello de Porto do Son é o encargado de proporcionar apoio ás tendas adheridas a Son ou teu Comercio, así como de dinamizar o portal. A curto prazo, un dos obxectivos é a inclusión de postos do mercado de abastos, no que xa está a traballar. Afirma que a plataforma dixital actuaría como intermediaria. Outra das metas é centralizar a venda por Internet, redirixindo aos clientes. En canto aos resultados ata agora, o técnico confía na campaña do Nadal. Explica que é a través das redes sociais onde os negocios adheridos están a conseguir maior repercusión.

Noia Histórica ampliará o abano a firmas que non estean asociadas

A plataforma Vai de Tendas, creada por Noia Histórica, permite só a incorporación daqueles establecementos que están adheridos á entidade, que é a que centraliza os cobros e envíos da mercancía. Con todo, o colectivo ultima unha ampliación. Así, a xerente Belén Arroniz explica que se dará entrada a negocios que non pertenzan á asociación. Outro aspecto que se considera fundamental é que quen se adhiran tamén poidan manter integrada, en caso de posuíla, a súa propia web. Así mesmo, ampliaranse as categorías, porque agora só existe roupa e calzado, para captar a un maior número de usuarios.