Gustavo Vázquez: «Está a vir xente a petar na nosa porta porque quere remar en Cabo»

BARBANZA

O director deportivo de Cabo destaca o aumento de nivel do remo feminino nos últimos anos
Ou director deportivo de Cabo destaca ou aumento de nivel do remo feminino nos últimos anos MARCOS CREO

O director deportivo do club valora a temporada de xeito positivo tras cumprir os obxectivos

01 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Club de Remo Cabo da Cruz pechou unha campaña na que non faltaron os éxitos. Gustavo Vázquez, adestrador da traíña que compite na ACT e director deportivo da entidade, valora o feito dun xeito positivo: «En liñas xerais mantivemos o nivel e cumprimos obxectivos».

-Que opina da actuación dos equipos nas diferentes ligas?

-É histórico que un equipo B quede terceiro na liga autonómica ou que gañe a Bandeira Deputación. Iso indica que o nivel medio do club é alto, que hai recambio. No que respecta á ACT, a lectura xeral é boa. Seguimos sendo campións galegos e cumprindo obxectivos. A Concha foi a guinda. Iso si, en agosto non fomos constantes e non deixou bo sabor de boca. Houbo factores externos, como sorteos de carreiros ou cambios de ventos e correntes, que non nos favoreceron. Teño que destacar que mudou moito a mentalidade dos remeiros nos últimos anos, cun comportamento máis profesional. Na liga feminina subimos o nivel, pero fíxoo o remo feminino en xeral. Demostrouno a clasificación de Chapela para a Concha. Hai que mellorar ano tras ano e nós estamos niso.

-Falando da feminina, este ano logrouse estar na fase de ascenso á Euskotren.

-Si, o que demostra que aumentamos o nivel. Pero Hondarribia fixo o seu mellor ano e baixou. Temos un equipo con experiencia aínda que é novo, e ás veces déixanse levar por outras cousas e non se centran no rendemento. Hai moita marxe de mellora no traballo diario, e o noso labor é facerllo ver. Estamos contentos co grupo e gustaríanos sumar xente da base e algún reforzo para dar un salto de calidade.

-De cara ao futuro, cal é a folla de ruta de Cabo da Cruz?

-O primeiro equipo está formado por xuvenís do 2000, e vai pedir un relevo, e xente nova. Hai que darlle oportunidades aos que veñen de abaixo e buscar fóra. Rexuvenecer na medida do posible o equipo. Está a vir xente a petar na nosa porta porque quere remar en Cabo. É un orgullo, porque desde fóra vese que estamos traballando ben. E aos deportistas que decidan non continuar, hai que darlles as grazas por todos os anos investidos no club, e que saiban que os animamos a que sigan colaborando.

-Non debe ser sinxelo competir ao máis alto nivel.

-Estamos intentando semiprofesionalizar o equipo, que é difícil en Galicia. Agradecemos ás empresas que colaboran con nós e ás que se sumaron nos últimos anos. Especial mención a Chicolino e Jealsa, que ademais nos cedeu a nosa actual sede. Sentimos un apoio importante, aínda que nos gustaría que o sector público se mollara un pouco máis. Comparando co que aportan no País Vasco, estamos moi lonxe. Aquí, cada vez que hai un cambio no poder parece que tes que volver a demostrar toda a traxectoria que levas detrás.

-Goza de boa saúde a base?

-Traballar a base é a pedra máis importante. Non sei o motivo, se foi o confinamento ou as redes sociais, pero algúns dos xuvenís parece que queren vivir agora o que non puideron no último ano e medio e esquécense do deporte. Algo que antes era prioritario, agora semella máis secundario e hai máis ganas de recuperar o ocio. O noso traballo como formadores tamén é facerlles ver a importancia do deporte e que aproveiten unha idade que non van volver a ter, na que as vivencias cos compañeiros marcan para a vida.

-O que non falla é a afección.

-Notamos moito o cariño da xente. Agora coñecen o nivel da liga e danlle moito mérito ao que facemos cos medios que temos.