A Xunta estuda a adaptación das rutas de transporte que piden os concellos de Barbanza

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Desde a Administración autonómica apuntan que se mellorou o sistema de transporte público da comarca

16 sep 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Ante as incidencias reportadas co servizo de autobús en varios municipios da comarca, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade remarcou o traballo de seguimento que se fai dos novos servizos. «Seguimos analizando pormenorizadamente as propostas que a Mancomunidade do Barbanza-Arousa fixo á consellería na última reunión», explican desde a Administración.

A pesar das queixas, desde a Xunta insisten en que se mellorou o sistema de transporte público da comarca. «A petición do Concello de Porto do Son, engadimos novas paradas na liña que conecta con Noia e Santiago». Ademais destacaron o valor de iniciativas como a Tarxeta Xove, que cobre as viaxes de 1.800 menores na comarca.

As peticións de melloras nas rutas de autobuses foron máis acusadas esta última semana. Tanto desde usuarios particulares como desde as oficinas de consumo nos municipios barbanceses tramitáronse numerosas instancias nas que os servizos de transporte público foron deficientes.

Entre elas destacan sobre todo a pouca fiabilidade dos horarios asignados, a accesibilidade a eles e a actitude dalgún dos condutores. Moitos destes usuarios rexistraron queixas nos concellos, aínda que a compaña encargada, Monbús, nega que teñan recibido ningunha formal. A volta ao colexio dos estudantes tamén preocupa, e moitos veciños temen que o servizo empeore aínda máis.

Desde a Administración explican que teñen en conta estas reclamacións e continúan monitorizando a situación. Con todo, tamén salientan que as decisións en materia de transporte público han de ser analizadas desde a perspectiva da demanda.