O hospital de Barbanza disporá de novos equipos de ecografía

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Na área sanitaria tamén se renovarán ecógrafos do Clínico e do Gil Casares

02 ago 2021 . Actualizado ás 16:28 h.

A Xunta acaba de publicar na plataforma de contratos públicos de Galicia a licitación de suministración de 48 ecógrafos con destino aos servizos de Radiodiagnóstico de diversos centros sanitarios do Sergas, entre os que se atopa o hospital de Barbanza. Este contrato licítase por un importe total de 5,6 millóns de euros e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 17 de agosto.

O obxectivo desta compra, apuntan desde a Administración autonómica, é «dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación, xa que a necesidade de realización de estudos ecográficos óptimos e de precisión nas distintas patoloxías ten un papel importante no seu prognóstico e seguimento». Con esta contratación renovaranse ecógrafos de diversos centros das sete áreas sanitarias. Na de Santiago e Barbanza, ademais do hospital comarcal beneficiaranse o Clínico e o Gil Casares.

Desde a Xunta indican que «o equipamento obxecto deste expediente de contratación é susceptible de financiamento ao 100 %», grazas a fondos europeos para facer fronte á pandemia. A Administración galega continúa así o plan de renovación e modernización do equipamento sanitario previsto para o 2021, co que pretende acometer as renovacións integrais dos bloques cirúrxicos e dos equipamentos de alta tecnoloxía para o diagnóstico.