«Fóronseme todos os test de antígenos nunha mañá»

Ana Lorenzo Fernández
ana lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

La farmacia Cimadevila de Boiro no paró de vender test de antígenos durante todo el día
A farmacia Cimadevila de Boiro non parou de vender test de antígenos durante todo o día DAVID COSTAS

Moitas farmacias de Barbanza esgotaron as existencias na primeira xornada que se podía vender sen receita esta proba para detectar o covid

23 jul 2021 . Actualizado ás 21:02 h.

Por medo a estar contaxiado, por tranquilidade ou simplemente para facerse unha proba de covid. Eses son algúns dos motivos que levaron a decenas de veciños e visitantes da comarca a comprar os test de antígenos que desde onte se poden conseguir en calquera farmacia sen necesidade de receita médica. A mala evolución epidemiolóxica que está a experimentar Barbanza foi un aliciente engadido que provocou que en moitas boticas se esgotasen todas as unidades en poucas horas, e xa se tiveron que solicitar novas unidades que se agarda que cheguen entre hoxe e mañá.

«Desde hai 10 ou 15 días xa había moita xente preguntando se os tiñamos e podíanos comprar, pero ata hoxe [por onte] non nos deron autorización», apunta Agustín Picanes desde a farmacia de Escarabote. Recoñece que a clientela que foi adquirir a proba é en grao sumo variada, e que moitos a querían facer «por seguridade, para comprobar que non estaban contaxiados, e tamén viñeron outros que tiñan unha comida familiar e querían evitar problemas».

Na botica do noiés Antonio Busto a demanda foi tan grande, que se me foron todos os test de antígenos nunha mañá. Hai moita preocupación que xa vén duns días atrás e por iso vendéronse tan rápido». No seu caso, fíxose unha pequena selección entre os clientes potenciais, dando preferencia a aqueles que tiñan síntomas ou que estiveran en contacto con algún positivo. «Se non chegamos a facer este cribado, en dúas horas xa non temos ningún», apunta o farmacéutico de Noia, que recoñece que a maioría de compradores eran nais de entre 30 e 40 anos con fillos adolescentes, ou persoas que se ían ir de viaxe.

Tamén na farmacia Tato da Pobra liquidaron practicamente todas as súas existencias nunha mañá, e xa agardan pola remesa nova que encargaron e que está previsto recibir hoxe. «Só quedan dúas caixas das que veñen cinco probas, porque as individuais se venderon todas e máis que houbese», recoñecen desde a botica pobrense. Apuntan que a realización da proba é moi sinxela, «hai que meter un bastoncillo polo nariz uns dous centímetros, non tanto como na PCR, e logo introdúcese nun reactivo, bótanselle unhas gotas e en 10-15 minutos xa se ten o resultado».

 Para testar tripulacións

Ribeira foi outro dos concellos nos que se detectou moita demanda destas probas para detectar o covid, e nalgunhas oficinas farmacéuticas esgotaron todas as existencias e seguen recibindo peticións, como afirman desde a botica de María Dolores López. «Mesmo nos viñeron moitos clientes que son armadores e que querían telos a bordo para realizarllos periodicamente á tripulación e así evitar posibles brotes. Acabámolos todos e tivemos que pedir máis».

Hai outras farmacias como a de Prada en Rianxo ou Cimadevila en Boiro que aínda contan con unidades suficientes para atender toda a demanda. «Houbo algunhas peticións, pero a cousa foi bastante ben e non tivemos ningunha avalancha», apuntaron desde a botica rianxeira. Pola súa banda, a boirense Carmen Pouso recoñeceu que, como o seu municipio hai unha incidencia moi grande de casos, houbo moitos clientes que se achegaron a compralo ou chamaron por teléfono.

O prezo da proba varía, e vai desde o 5,95 euros que se vende nalgunhas boticas, ata os 10 de máximo. O custo medio nos establecementos da comarca é de 7,50 euros.

En las farmacias también se pueden conseguir estos certificados
Nas farmacias tamén se poden conseguir estes certificados DAVID COSTAS

Avalancha de clientes solicitando o certificado de vacinación para poder viaxar ou entrar nos bares

«Estamos desbordados. Facía tempo que non recibiamos tantas chamadas, lembroume a cando comezamos o confinamento e non había máscaras e non paraba de soar o teléfono». Así explica Antonio Busto o estrés que viviron onte en numerosas boticas da comarca, pero non só pola venda de test de antígenos, senón por todos os clientes que acudiron a solicitar nas farmacias que lles imprimisen o certificado de vacinación.

«Veu xente de todas as idades, desde persoas maiores que non se aclaraban moito, ata mozos que tiñan problemas coa Chave 365 e non lles deixaba baixar o certificado», apuntaron desde a farmacia Tato da Pobra. Tanto nesta oficina como noutras, «tivemos que imprimir tamén os de moitos visitantes procedentes doutros puntos de Galicia que están aquí de vacacións e que desde o sábado teñen que presentalo para entrar nos restaurantes ou viaxar».

Entre os problemas que xurdiron en varias farmacias de Barbanza está que tamén acudiron turistas que pertencen a outras comunidades autónomas, «e nós non podemos darllo, porque só temos acceso aos datos de vacinación do Sergas», apuntaron desde unha botica de Ribeira. Tampouco llo poden facilitar á maioría de persoas que pertencen a distintas mutuas e que deben acudir aos centros de saúde correspondentes, uns ambulatorios que onte tamén estaban desbordados pola multitude de peticións tanto para conseguir o certificado de vacinación como para acceder ao código da Chave 365.