Sebastián Paz: «Hai que aproveitar a inspiración, sexa a composición que sexa»

PILAR SAMPEDRO

BARBANZA

ABRALDES

Neto de Felipe Paz Carbajal, está recompilando a obra do seu avó

01 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sebastián Paz procede dunha larga saga de músicos que comeza co seu avó, Felipe Paz Carbajal, un gran compositor. Así que, Sebastián vive un ambiente de músicos no que tamén seu pai e seus tíos se dedicaron á música como directores de orquestra, organistas e directores de coros. O seu pai ensinoulles -a seus irmáns e a el? solfexo, violín, batería, contrabaixo, acordeón, etcétera. Sebastián examínase de solfexo na Coruña e fixo os seus estudos de conservatorio en Santiago de Compostela e, posteriormente, en Madrid.

-Traballaches como profesor, de diferentes materias, pero remataches impartindo música. Foi esa sempre a túa vocación?

-Sempre pensei que o meu interese pola música me viña a través dos xenes familiares e o empeño que puxo meu pai en ensinárnola. E si, sempre tiven esa querenza pola música; cando podes xuntar a profesión, as horas de traballo e as obrigas con aquilo que máis che gusta estás máis preto de ser feliz. Rematei dando clases de música a nenos de tres ata doce anos no colexio Amador de los Ríos en Madrid, unha experiencia moi interesante.

-Que consideras que se debe ter en conta cando se lles ensina música á rapazada?

-Penso que os nenos teñen que ter coñecementos dos conceptos fundamentais da música, dende ben pequenos. Un coñecemento básico de solfexo, expresión corporal, ritmo, educación auditiva, e tamén o dominio dos instrumentos, e algo de música tradicional e clásica.