Aplauso ao persoal sanitario

Unai González Suárez CAIXA DE CORREOS DO LECTOR

BARBANZA

17 abr 2021 . Actualizado ás 11:41 h.

O pasado 7 de abril celebrouse o Día Mundial da Saúde, data que pasa sen pena nin gloria un ano calquera pero que, neste pandémico 2021 do século XXI, non podía máis que conmemorarse como unha importante efeméride, xa que é a consolación de que o importante é a saúde cando non somos afortunados no xogo, no traballo ou no amor. Non é unha efémera riqueza, senón o maior tesouro que un ser vivo pode posuír.

Gran culpa, por non dicir toda, da situación actual da pandemia témola na irresponsabilidade do comportamento humano, un ser que adoita ser irracional e tropeza infinitas veces na mesma pedra ata que a parca evita que volvamos dar cos dentes no chan. Non podemos esgrimir a culpa aos demais para deixar de asumir a propia e esquecer fugazmente todo o pasado; o confinamento, a falta de liberdade, a escaseza de bicos e apertas, a brisa no rostro ou o compartir un momento de lecer cos amigos ou familia non convivinte.

Este ser torpe, egoísta, ignorante, alienado que se deixa liderar polo máis errado, aconsellar polas redes sociais, informar por falsidades e se transforma en vulgo para derrocar todo o alcanzado non debe supoñer unha sorpresa pois o Leviatán hobbesiano está presente en cada recuncho das nosas vidas, vémolo nos traballos, nas institucións, nos medios de comunicación… destruíndo, mal metendo, falseando e facendo certo aquilo de que o home é un lobo para o home esquecendo que durante outro tempo foi posible garantir a liberdade de todas e todos dende o respecto aos límites e o cumprimento dos deberes e responsabilidades de cada un.

Ante tanto estupor, ou máis ben tanta estupidez atópase un colectivo único, esperanzador, traballador ata a extenuación que unha e outra vez entrega o seu saber, esforzo, amor e dedicación aos demais e perdoa cada incumprimento, cada irresponsabilidade, cada inconsciencia mirando unicamente salvar a nosa vida ou en todo caso, facer a nosa enfermidade o máis aturable posible; pasamos nuns meses do aplauso á labazada coas nosas críticas, a impaciencia, a mala educación. Ao igual que os xudeus aclamaron a Xesús con palmas e ao pouco o condenaron salvando a Barrabás, nós aplaudimos dende fiestras e balcóns a sanitarios, policías e bombeiros, persoal de alimentación, de residencias, limpadores... ata xuño, e en setembro comezamos a preparar a cruz para cravalos vilmente sen remorso.

Cada día nos seus traballos son unha mostra de entrega aos demais, de vocación e de esmero nos coidados aos maiores, aos enfermos, aos máis débiles. Temos preto o exemplo no hospital da Barbanza onde non decaen nas súas tarefas pese ao esgotamento, ao cansazo, á presión, e incluso ao desprezo dalgúns, porque eles demostran que o contrato social do que falaba Rousseau aínda é factible e valores como a liberdade, confraternidade, igualdade e convivencia na sociedade de hoxe son posibles.

Vaia para todas e todos eles o meu aplauso e gratitude.