Ula Palmeira?

José Vicente Domínguez
José Vicente Domínguez LATITUDE 42°-34?, 8 N

BARBANZA

28 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Alá polo ano 1980, un conselleiro da preautonomía mandou debuxar un folleto das rías galegas coas características máis sobresaíntes da súa contorna. Pois ben, o artista deu en poñer a Illa da Toxa na ría de Pontevedra, nun oco que lle semellaba axeitado entre Portonovo e Sanxenxo. Pena de tal reliquia que non a dou atopado.

Estes días, alguén me mandou un vídeo da Deputación da Coruña, que mostra a belísima contorna aérea da costa galega, do Barqueiro ata Rianxo. Esta reportaxe aérea, a que chaman Camiño infinito (parodiando ou superando a habitual ampulosidade dos noso irmáns portugueses), vai repasando cada unha das singularidades das poboacións do litoral da provincia coruñesa.

Pois ben, a medida que contemplaba o percorrido do voo da avioneta desde a que fixeron as fotos e ían aparecendo pobos e lugares cos seus nomes, o meu corazón latexaba: Corrubedo, Aguiño, a Pedra da Rá, Sálvora, Rúa, Ribeira... e de súbito, ¡Pobra!... ¡Uff! ¡Menos mal que non saíu Palmeira! Pois téñolle dito a todo aquel que coñezo que non fagan propaganda deste pobo, non vaia ser que nos invada o turismo... Que digan que aquí non hai nada que ver máis alá de catro cousiñas: O fermosísimo recuncho da praia de Coroso ou a nosa Riazor, que debe o seu nome por ser unha ría pequerrecha e non polos escasos azores tal que moitos pensan; a igrexa dos Mouros cos seus misterios; a grandiosidade da Pedra da Aguia, o penedo granítico solto máis grande de Galicia; calas íntimas coma a de Supinal ou a Cambra; o Castelo; o porto de Palmeira, exemplo dos peiraos da época; a illa da Tixosa coas súas cálidas cores, ou a beleza da brancura e nudez da praia da Corna. E si vostedes queren, a inigualable panorámica dun pobo que, erguido sobre a monumentalidade da súa igrexa, descende plácida e harmonicamente desde o monte a beiramar.

¡Uff! Agora que o penso, menos mal que non saíu todo isto. Sorte que a avioneta pegou o salto de Ribeira ata A Pobra sen deterse nestas pequeneces de Palmeira. Ou sexa, algo parecido ao que fixo aquel debuxante, quen, posiblemente abraiado con tanta beleza xunta para unha soia ría, puxo A Toxa na de Pontevedra e así repartir o lucimento.

Este xesto con Palmeira, tan de agradecer, lémbrame tamén o epitafio dunha lápida portuguesa: «Aquí jaz Xoana dá Silveira, famosa cantora portuguesa. Quando a ouviram cantar non céu, alguém disse: calem a boca dúas anjinhos e deixen Xoana dá Silveira cantar». Aínda que, contrariamente a cantante portuguesa, Palmeira non ten necesidade de presumir dos seus cantos i encantos e menos de que aparezan nun vídeo da Deputación. Deixemos que pasen de largo.