Marcos Mayo: «Síntome querido na miña terra» 

S. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Atletas do Atlántico | Aínda que se confesa un «domingueiro máis», non deixa de acadar títulos

30 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Dende neno, Marcos Mayo (Lousame, 1979) viviu atado ao deporte. Pero non foi ata uns anos atrás que subiu ao podio para non baixarse máis. Aconteceu coa súa entrada no mundo da bicicleta de montaña, onde este 2020 acadou o título de campión absoluto de dúatlon cros. Na categoría máster 40, o veciño de Cruído tamén domina e conseguiu a Copa Galicia BTT, o Trofeo Federación BTT e o título autonómico.

-Como foron os seus comezos no deporte?

-Comecei no atletismo cando tiña uns 12 anos. Logo xoguei ao fútbol e competín nos ralis. No 2011 empecei coa bicicleta de montaña, collinlle o gusto e, como tamén coñecía o atletismo, empecei no dúatlon cros. O primeiro ano déuseme ben e xa rematei subcampión galego. Durante un tempo fun facendo montaña e carreteira ata que o ano pasado comecei o ciclocrós.

-En que consiste?

-Son carreiras de obstáculos cunha bicicleta de carreteira. Tes escaleiras, troncos para saltar, leiras, charcas... É moi aditivo.

-E de todas as disciplinas que practica, con cal se queda?

-Todas enganchan polo seu. A bicicleta de montaña dáche outra sensación. É máis técnica. O ciclocrós son carreiras moi explosivas, estás sempre disputando coa xente, sempre tes loitas. Engancha moito. O dúatlon cros tamén me gusta. A carreira a pé dáseme ben. Aínda que non son o mellor en ningunha das dúas cousas, tampouco fallo en ningunha delas.

-E o seu plan de adestramento, como é?

-Basicamente o que adestro é bicicleta, e practicamente todo por montaña. Sempre fago algo de carreteira, un par de días, pero na montaña dependes máis de ti, non de terceiros. E carreira a pé practícoa só cando hai competicións á vista. Fatígame moito as pernas, e como son propenso ás lesións intento evitala.

-Afectoulle moito este parón polo covid?

-O que peor levei foi a falta de competicións. Adestrar por adestrar non lle gusta a ninguén. Saiamos uns amigos e competiamos entre nós, pero non é o mesmo. O que peor levei foi iso, non ter un obxectivo dunha proba cada certo tempo, non saber cando vas volver. Mirabas unha carreira e unha semana antes cancelábana. Dende o principio xa non me propuxen nin ir a nada porque sabía que ía estar complicado. Non fixen adestramento específico, só de mantemento.

-Para o futuro ten algo en mente?

-De feito xa comezou a tempada de ciclocrós, que eu tiña moitísimas dúbidas que fora a celebrarse. Este fin de semana pasado foi a última carreira da Copa Galicia, e vinlle moitas medidas de seguridade. O protocolo cumpriuse. Houbo que facer todo ao dedillo. PCR, toma de temperatura, só podías entrar no circuíto cando che tocaba correr... A verdade e que tal e como o vin pode ter continuidade. Son seis carreiras no que queda de ano.

-Case nada. Moi xuntas, non?

-Normalmente as tempadas son 18 carreiras en tres meses, competindo sábado e domingo, co que iso supón. Nunca fixen unha tempada completa. Igual en decembro che toca ir a Porriño o sábado, e a Maceda o domingo. Dunha punta a outra, e iso xa é moito desprazamento.

-Fai uns días rendéronlle homenaxe en Lousame. Como é iso de ser profeta na terra?

-Con motivo do covid foi máis familiar. Estábamos os coñecidos e sentín a calor da miña xente. Estivo ben, gustoume. Eu síntome querido na miña terra. Non é que sexa nada. Ao final non son profesional, son un domingueiro calquera. A diferenza está en que eu si me animo a competir. Outros prefiren saír cos amigos e facelo entre eles. A min iso non me motiva. Prefiro demostralo coa xente que compite.

-Na gala destacou os valores do deporte e a importancia de transmitirllos aos máis pequenos.

-Sen dúbida, se non fora polo deporte, moitas cousas que aprendín non chegaría a facelas, moitos sitios que visitei e moita xente que coñecín tamén foi polo deporte. É algo moi importante na miña vida.

A ficha

Os inicios. Maio comezou ou seu camiño non deporte non atletismo, ou que lle valeu tamén para ser un gran competidor non dúatlon cros.

O novo. A última disciplina na que entrou foi ou ciclocrós.

Homenaxe. Ou de Cruído foi destacado como un dous deportistas do ano na vila