Preocúpanos a educación?

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla BARRIO DO PIGNETO

BARBANZA

Chema Moya | EFE

30 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

En pleno debate sobre a lei Celaá, pregúntome se realmente nos preocupa a educación. Seguro que todos nos atopamos con moi pouca xente á que non se lle encha a boca sobre a súa vital importancia. E os políticos que, como dixo Krushev, «prometen construír pontes, mesmo onde non hai ríos», seguen a mesma tendencia para non saír trasquilados nas urnas. Cando os sinalan os focos encomian a educación pública; cando se apagan, cada un fai da súa capa un sayo.

Recordo a un político nacionalista que, mentres defendía con fervor a condición de Galicia como nación vilipendiada baixo o xugo do España, enviaba a unha filla a estudar a Barcelona porque as universidades «son mellores que aquí». Como na vida, non é intelixente colocar todos os ovos na mesma cesta. Se el se equivocaba, polo menos que non o fixese ela.

Unha cousa é o que dicimos e outra o que facemos. Explícao o economista Steven D. Levitt: «A moral representa o modo en que ás persoas lles gustaría que funcionase o mundo, mentres que a economía mostra como o fai en realidade». Por iso hai políticos e cidadáns, ollo, que defenden a pública pero os seus fillos estudan na privada. E son de todo cor e ideoloxía.

Para que esta columna non sexa unha crítica máis, quero expor unha idea. Se en Barbanza todos os concellos organizan galas do deporte, por que non enxalzan tamén aos seus mellores estudantes? Sería un excelente reforzo para eles e unha mensaxe para todos. Fan falta campións do mundo, pero tamén médicos, enfermeiros, arquitectos, biólogos... Ou en realidade non nos preocupa tanto como dicimos?