Vistas no confinamento

AGUSTÍN AGRA

BARBANZA

JESUS SUAREZ ARES

Percorrido polas plantas e especies animais nos campos do outono

28 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Un ferrado. Doce cuncas de solaz. Unha horta con xardín. Unha leira, agora a barbeito, onde ata onte xermolaban cebolas e leitugas, catro regos de patacas, varias varas de tomates...

Os embigos de Venus e a herba de campanario tapizan os vellos muros inzados de brión que se estenden pola volta do quintal; en dura competencia, os fentos ancoran os seus rizomas entre as pedras: Asplenium de fronde delicada a carón dos Polypodium de fasquía máis feraz. A pé do murado, as roseiras -brancas, rosas, vermellas como a orgullosa rosa de Yeats- fan contrapunto ás macetas das hortensias -sempre frías as hortensias- baixo as que se agochan bichos bola, miñocas e cempés. As papoias e avelaíñas que acoden ás noites ás trampas de luz que lles tendo, completan, xunto cos antigos propietarios dos cascarolos baleiros que o merlo deixa nos recunchos da horta coma proba das súas razzias, a listaxe de fauna invertebrada. E cal será a especie de morcego que nos visita ao solpor saciando a súa fame entomofáxica?

No centro, a gran camelia dá acubillo con frondosidade maternal a canta paxarada procura refuxio entre a follaxe: verderolos e pardais, rabirrubios e xiríns, unha parella de papuxas das amoras e outra de merlos coa súa trasfega incesante de miñocas a prol da rolada. Un picafollas solitario, «suit-suet-suet, suit-suit-suet, bit-bit-bit», exercita a pronuncia dos verbos irregulares agochado entre as pólas do laranxeiro centenario, o máis vedraño de entre os habitantes do verxel.

Pega ao asexo

Baixo a sombra cativa da ameixeira acabada de plantar -agasallo do máis fiel dos amigos-, corrica unha pega ao asexo dos polos alleos que agardan no niño pola pitanza materna. Mentres a herba belida estende imparable os talos rastreiros polo céspede convertido en pradaría de saramagos e verónicas, as gaivotas algarean e copulan nos tellados dos veciños. A parella de xílgaros, con puntualidade solar, revisa as inflorescencias dos Senecios cando o astro xa devala trinta graos do seu cénit. Porén, o ferreiriño azul, malia os intentos de atraelo, non acode ás restras de manises que lle ofrezo penduradas por un fío; tan abandonadas como o comedeiro de parede, fóra do alcance do rato que rilla nos bulbos, botando man de nocturnidade e intelixencia, para vencer as mureiras que lle tendo acotío. Acaso terei que mudar o garamelo pola frauta?

O prato de alpiste da mesa dos cactos conta tamén cos seus fieis comensais alados: os pimpíns que, ata o de agora, sobreviviron á femia de gabián que depreda na horta deixando como proba da falcatruada unha roda de plumas esparexidas na herba. E el non afirmaba o Doutor Munilla na súa imprescindible Guía definitiva dás aves dá Galiza, na que recupera o traballo do descoñecido ornitólogo galego Salvador Lueiro, ser o pimpín ave seria e preocupada, un paxaro cabal?

Fóra, o temporal continúa in crescendo. Eu, proa ao vento, deixo que as ondas me abalen. Aristóteles, vello amigo e compañeiro de andanzas, seica afirmaba que unha andoriña non fai primavera. Eu, inocente de min, agardo a súa volta instalado no meu paraíso de peto... Un ferrado. Doce cuncas de solaz.