Paco Casal: Un diletante da pintura

EME CARTEA

BARBANZA

CEDIDA

E o tema, en Casal, oscila entre a paisaxe e a mariña, esencialmente. Tanto, que nel, estes dous subxéneros acadan categoría de personaxe e sentimento entrelazados

05 ene 2021 . Actualizado ás 17:19 h.

Cando un aborda un autor das artes plásticas debe facelo co ánimo poroso e a ollada instigante, propia de terreos versátiles, por canto nos movemos nas fírgoas da indefensión, entre a obxectividade do real e a subxectividade da ollada. Digo isto sabendo que a crítica da arte é sempre derrubamento e anhelo de renacenza, renovación dun pasado que pon carambelos nas mans, pero que invita a transitar novos camiños, inda sabendo que «nos mellores momentos da arte non había críticos da arte», que loasen o seu aggiornamento, como nos recorda Oscal Wilde.

Os temas en arte non son complicados nin simples (Giorgio Morandi dixit); a maxestade da visión e a intensidade do sentimento radica no artista, no deseño executado, no cromatismo, na iluminación, na composición. E nos efectos da obra, na harmonía ou no contraste, e no pracer artístico da súa contemplación. E o tema, en Casal, oscila entre a paisaxe e a mariña, esencialmente. Tanto, que nel, estes dous subxéneros acadan categoría de personaxe e sentimento entrelazados.

Mar profundo

É doado de entender. Casal, nado no Ferrol cantábrico, vive, soña, pinta e respira agora debruzado no Atlántico bravo de Aguiño, onde a inmensidade é ciclón e voz de serea sensual. Un mar profundo de horizontes e introspección, obxectivo e íntimo, que o noso autor reproduce e suca cada mañá provisto de cabalete, pinceis e abraio. Un mar máis ben axitado, de ventos metálicos. E, como marco e coroa, ceos polícromos que visten celaxes de azul e nubeiros, apreixados do natural, en comuñón directa co mundo, na procura, quer de beleza, quer de verdade, máis que vistas, sentidas.

De cultura acuática, a auga, en Paco Casal devén elixir, texto e pretexto, Non hai paisaxe de fondo: ela é a protagonista, nun estilo acuoso e impresionista, entre Claude Monet e Katsushika Hokusai. Son mariñas xeográficas ou panorámicas de praia e costa, como corresponde co termo do plenairismo, plenamente vixente dende as pinturas rupestres, e que Casal aloumiña. Pero, mesmo cando Paco pinta meros instantes de luces e sombras exentos de anécdota -mítica, relixiosa, histórica ou costumista-, adobiados de humilde vexetación, case sempre aparecen tocados do alento acuoso.

Se, para Otto Runge, pintor romántico alemán, «todo conduce necesariamente á paisaxe», é a paisaxe a que converte a Paco Casal en pintor e devoto dunha pintura de horizontes amables, como unha advocación á intimidade de noso. Poesía que invita ao sosego, talvez por esa ausencia de deificación. O seu contido reflicte a realidade cotiá, vivencial, franciscana, sen grandilocuencias ocultas. Toda unha lección de afable cordialidade, onde menos é máis, e os obxectos significan en si, aliviados do elemento humano, de sacralizacións e transcendencias. A non ser, claro, ese sublime arrecendo a percebes carnais e espidos da imaxe, que invitan á concupiscencia como arma impúdica de redención. Amén!

Cadro «Cousas de Aguiño», acrílico pintado non 2019