Boiro sobe ao nivel 2 de alerta nunha xornada na que se superan os mil casos de covid na área sanitaria

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

BARBANZA

LA VOZ

As probas PCR permitiron detectar 118 novos positivos nas últimas horas

24 oct 2020 . Actualizado ás 21:18 h.

En sintonía co que ocorre no resto do país, o balance diario da Consellería de Sanidade rexistra un novo incremento do número de casos activos de covid-19. De feito, a área sanitaria de Santiago e Barbanza supera por primeira vez o milleiro de contagios, nunha xornada na que a situación de Boiro empeorou ata situarse entre os municipios no nivel 2 de alerta.

O termo boirense súmase así a Muros, que xa estaba no nivel 2, ao rexistrar máis de 14 novos casos na última semana. A boa noticia é que Noia baixa de nivel e queda no un, no que tamén aparecen Porto do Son e Ribeira. En canto aos demais municipios da comarca, a incidencia do virus é baixa polo momento e aparecen en verde no mapa do Sergas, o nivel cero, o que significa que na última semana detectáronse menos de sete contagios.

No que respecta ao conxunto da área sanitaria, a situación é preocupante ao superarse por primeira vez o milleiro de casos activos. En concreto, segundo os últimos datos oficiais, son 1.047 as persoas que están a tratamento por coronavirus. A maioría presentan síntomas leves e están a seguimento nos seus fogares, pero a cifra de pacientes hospitalizados tamén se incrementou nas últimas horas ao contabilizarse cinco máis que onte. En total son 66 as persoas ingresadas no Clínico e no HM A Rosaleda (unha), das que oito se atopan graves e permanecen na unidade de coidados críticos do CHUS, unha máis que o día anterior.

As 1.410 probas PCR practicadas na última xornada na área sanitaria permitiron diagnosticar 118 novos casos, mentres que o número de curados tamén experimentou un incremento importante. Non en balde, deuse a alta a un total de 57 pacientes, co que as persoas que superaron a enfermidade elévanse a 4.033 desde o inicio da pandemia.