O Grupo Breogán desembarca en Arousa norte co obxectivo de crear sinerxías turísticas co sur

Miriam García
M. G. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Representantes dos concellos da zona asistiron á presentación do proxecto

15 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A miúdo botouse en falta na beira norte da ría de Arousa máis iniciativa empresarial para aproveitar o enorme potencial turístico do territorio, e en Barbanza acaba de desembarcar unha nova sociedade, Grupo Breogán, disposta a aproveitar ese oco e a contribuír á dinamización turística da comarca. É máis, o seu obxectivo é crear novas sinerxías co sur do estuario: «O noso proxecto pivota sobre todo na idea de que a ría de Arousa é un todo, queremos romper con esa barreira imaxinaria entre o norte e o sur», explicou un dos socios, Jaime Devesa, na presentación celebrada no hotel Jopi de Boiro.

Precisamente, tanto este establecemento como o MS de Escarabote están agora en mans do grupo, composto polas familias Devesa Mascato e López Fraga, e son o punto de partida dunha iniciativa que busca impulsar outros proxectos paralelos para desenvolver turísticamente a comarca. De feito, xa houbo algún contacto coa mancomunidade Arousa Norte neste sentido e están abertos a colaborar con entidades e concellos na posta en marcha de novas propostas: «Estamos en predisposición de aportar a nosa experiencia na parte sur da ría para desenvolver o turismo nesta zona».

Neste sentido, Jaime Devesa insistiu en que é máis o que une Barbanza e O Salnés que o que os separa: «Apostamos polo mar de Arousa como un conxunto, temos que sacar da cabeza ese minifundismo».

De momento é pronto para falar de proxectos concretos, pero mostra de que o Grupo Breogán foi ben recibido na beira norte da ría é que na súa presentación os seus representantes estiveron arroupados por responsables dos catro concellos e da mancomunidade.

En canto aos hoteis, o Jopi está xa funcionando tras algunhas melloras, mentres que está previsto que o MS, que se somete a un lavado de cara, reabra as súas portas o mes que vén.